CRTVG

Buscar

O Muncyt da Coruña inaugura un novo espazo para gardar a "memoria" da ciencia

Publicado o 25/04/2019 19:47

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña inaugurou un novo espazo permanente chamado Pezas con memoria. A exposición recolle as testemuñas das persoas que estiveron vencelladas co algunhas das pezas máis emblematicas do museo. 

Se os obxectos dun museo falasen, contarían as historias e lembranzas dos que os crearon e os utilizaron. Esta cabina de mando, unha das xoias do Muncyt da Coruña, pertence ao avión que trouxo o Guernica de Picasso a España en 1981. Un dos seus comandantes ponlle voz á memoria deste Jumbo.

Enrique Marchesi-Herce, comandante de aviación comercial: "Velo fisicamente aí, tocalo, entrar na cabina... Comparados cos avións de hoxe parece un submariño do século XIX, unha cousa antiquísima. Antes era voar de verdade. Agora son expertos informáticos os que van aí arriba".

No Muncyt da Coruña tamén se pode admirar unha das coleccións máis importantes do sector da química industrial en España: o coñecido como laboratorio Formoso. Se as probetas falasen, transmitirían a satisfacción dos herdeiros do científico coruñés que dá nome á colección.

Jorge Formoso, enxeñeiro químico: "A sensación de orgullo, que parte da túa vida, a vida do teu pai, a obra do teu pai, estean aquí. Iso é algo que me emociona".

Pezas con Memoria achega aos visitantes do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña á historia que hai detrás de cada obxecto exposto. Para que os recordos non se perdan e o coñecemento siga fluíndo xeración tras xeración.

 

Noticias web

25/04/2019