CRTVG

Buscar

O mozo de Ana Enjamio di que ela sentía "medo físico" polo acoso do acusado do asasinato

Publicado o 10/12/2019 14:33

Segunda xornada no xuízo polo crime machista de Ana Enjamio en Vigo. O xurado popular escoitou hoxe o testemuño de Samuel, noivo da vítima durante sete anos co que, no momento dos feitos, retomara a relación. Tamén prestaron declaración dúas amigas e compañeiras de traballo da falecida que estaban na cea de empresa na noite do crime.

Todos coincidiron en que Ana Enjamio se sentía moi presionada porque o acusado non aceptaba que quixera cortar a relación. Relataron diferentes episodios nos que Adrio se presentou por sorpresa e con actitude ameazante na vivenda da vítima ou diante do seu coche, facéndolle sentir medo físico. Samuel tamén explicou que, cando estaba con Ana, recibía no seu teléfono mensaxes, emoticonos e fotografías de carácter sexual da vítima co acusado. Manifestou a súa sospeita de que o emisor fora César Adrio despois de roubarlle o teléfono a Ana nunha viaxe a Portugal. Samuel dixo que, dalgún xeito, o acusado parecía coñecer o contido das conversas e dos movemento de Ana Enjamio. 

As súas compañeira de traballo, moi emocionadas durante a declaración, manifestaron que a roupa que o acusado entregou á policía non era a que levaba a noite do crime. Unha delas dixo que durante a cea Ana lle contara que César Adrio se metera no baño con ela, pero que non conseguira o que buscaba. Confirmou que á saída do restaurante o acusado as seguiu mentres paseaban ata que a vítima lle reprobou a súa presenza.

Esta testemuña tamén comentou na vista unha conversa con Ana na que lle trasladou unha frase que lle dixera o acusado: "Se non estás comigo, non estarás con ninguén", referíndose a Samuel. Este último tamén relatou que a noite da súa morte Ana lle enviou unha mensaxe para comunicarlle que marchaba para a casa ás cinco da madrugada. A repentina desaparición da foto do WhatsApp da vítima e que non contestase ao teléfono fíxoo sospeitar. Cando chegou á vivenda xa fora asasinada.

Noticias web

10/12/2019