CRTVG

Buscar

A PCR en saliva das farmacias galegas chama a atención doutras autonomías

Publicado o 19/04/2021 15:12

Galicia dá un paso máis na xeneralización dun método para detectar a covid que está a chamar a atención noutras comunidades pola súa eficacia. Trátase das PCR en saliva procesadas mediante agrupamento de mostras, que agora se van poder realizar nas oficinas de farmacia. 

Esta proba comezou a practicarse da man dos laboratorios de microbioloxía dos hospitais galegos. Case ao comezo da pandemia, cando había escaseza de reactivos, fixáronse en experiencias históricas con outras enfermidades infecciosas e decidíronse polo pooling ou agrupamento de mostras. Para iso precisaban que a mostra puidese tomase de xeito sinxelo, cunha autotoma, e foi así como xurdiu a PCR en saliva que hoxe está a chamar a atención doutas comunidades autónonomas.

Miguel ten un fillo de catorce anos e acode á súa farmacia para informarse sobre o cribado a adolescentes de entre 12 e 17. O programa comezou na provincia de Pontevedra, pero esténdese hoxe a toda Galicia, co método de PCR en saliva procesada por agrupamento. Na iniciativa participan todas as farmacias de Galicia, que poden recoller ata un máximo de 10 autotomas por oficina.

A PCR en saliva, e analizada agrupando mostras, foi un instrumento que comezaron a usar no laboratorio de microbioloxía do Álvaro Cunqueiro para maximizar a capacidade de varrido nunha época na que escaseaban os reactivos. Permite descartar negativos en bloque e pola súa rapidez e eficacia está a espertar o interese doutras comunidades. 

"É unha técnica moi interesante que se desenvolveu aquí en Galicia, permite non usar os hisopos que nun momento foi un colo de botella, tamén permite facer agrupamento de mostras, e iso supón un aforro de reactivos", explica Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva e experto en Epidemioloxía.

Xulio García Comesaña, o conselleiro de Sanidade, quixo "poñer en valor algo que é específico de Galicia. Estas probas puxéronse en marcha xa no mes de xullo, con traballadores sanitarios e sobre todo cos traballadores das residecias sociosanitarias, en que durante bastantes semanas se lles facía un cribado semanal aos traballadores das residencias".

Os epidemiológos insisten en que estes cribados, para ser eficaces, deben estas ben dirixidos e admiten a vantaxe de que a saliva se pode recoller en autotoma, liberando así o persoal sanitario para outras funcións. A técnica de pooling usouse en Wuham, entre os xogadores da NBA e historicamente para o control de enfermidades como a sida.

Noticias web

19/04/2021