CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

O modelo de Intelixencias múltiples propón un ensino máis flexible

Publicado o 14/03/2015 14:50


Cando aínda se está a implantar a última reforma educativa, numerosas voces piden un cambio máis profundo no sistema pra frear o fracaso escolar.
Nun curso que se celebra hoxe en Santiago sobre intelixencias múltiples, proponse un modelo máis flexible que explote a creatividade dos rapaces e responda á diversidade da aula.


Así aprenden a facer un arco de medio punto... e así un arco oxival. Sen cargas teóricas engadidas.
Son mestres, pedagogos, pais e nais..., persoas ligadas á comunidade educativa que desexan unha verdadeira reforma do ensino.
Baixo o nome de intelixencias múltiples, proponse un modelo baseado na creatividade, que explore o potencial de cada alumno.

"Á aula lévase diversificando o tipo de actividades que facemos. Fai actividades musicais, cinestésicas, de movemento, actividades visuais, de pensamento lóxico, actividades en equipo e de reflexión individual, fai actividades na natureza e actividades que fomenten unha boa competencia lingüística", recomenda Javier Bahón, pedagogo e coaching.

A rixidez do actual sistema educativo deixa fóra a moitos rapaces e o que aínda é peor ignora moitas das súas potencialidades. O sistema de intelixencias múltiples propón un ensino máis flexible que responda á diversidade das aulas, permitindo o desenvolvemento integral da persoa.

"Todas as introduccións filosóficas e educativas das leis recollen esto, a necesidade do pensamento crítico, do pensamento creativo, do desenvolvemento de todas as competencias humanas, ..., esto está recollido en todas as leis. Con todo, cando chega o desenvolvemento, cando chega o momento de lle dar formación ao profesorado para que o saiba facer, cando chega o momento de dotar as leis de recursos, resulta que nos quedamos co de sempre", critica o coaching.

Bahón recoñece que este modelo require máis tempo pero tamén unha aprendizaxe máis sólida. Asegura que o sistema actual se autoengana, con currículos extensísimos que non deixan tempo para asimilar os contidos.
A escola debe ensinar o gusto por aprender como vía para reducir as altas taxas de fracaso escolar.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí