O Miño ao seu paso por Ourense atópase un 61% por baixo do seu caudal medio nesta época
Un 61% por baixo do seu caudal medio nesta época do ano. Así se atopa o río Miño ao seu paso por Ourense. Unha situación similar á doutros ríos da provincia como o Avia en Leiro, ou o Sil en Valdeorras. Tamén os encoros están ata un 5% por baixo da media. Con todo, dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil apuntan que a situación non é preocupante e que a subministración está garantida.
Esta é a imaxe que deixa o Miño ao seu paso pola cidade de Ourense. O baixo caudal permite ver sen dificultade o fondo do río. Está un 61% máis baixo que a súa media para esta época do ano.
A precipitación acumulada é un oito por cento inferior á media histórica, e os encoros están ao 66 por cento da súa capacidade, un cinco por cento menos que o ano pasado. Dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil apuntan que, malia que imaxes coma esta poidan chamar a atención, enmárcanse dentro da normalidade para esta época do ano.
Sinalan, ademais, que as zonas que se atopan por baixo da media están reguladas por encoros de uso hidroeléctrico. Almacenan ou verten máis ou menos auga en función da demanda e a concesión que teñan estipulada. Nada, din, que saia do normal ou faga prever problemas de subministración.