CRTVG

Buscar

Ábalos mantén a data de chegada do AVE a Galicia para o 2021

Publicado o 21/12/2020 20:19

Son as probas de carga do viaduto de Teixeira no concello de Laza . Forma parte do último tramo en execución do acceso da alta velocidade a Galicia. Foi durante a visita a estes traballos onde o ministro Ábalos reiterou o compromiso da chegada do AVE a Galicia para o vindeiro ano. Baséase, di, na información subministrada polos equipos técnicos do ADIF.

"O ADIF continúa traballando coa previsión de poñer en servizo este tramo o próximo ano, o que vai producir unha importante mellora de tempos e servizos. A marcha dos traballos non nos induce a ter que modificar esta previsión.", afirma o ministro José Luís Ábalos.

A conselleira de Infraestruturas presente tamén neste acto, pediulle ao ministerio a creación dunha comisión de seguimento que garanta os prazos, e ofreceu por parte do Goberno galego un diálogo permanente e estable entrambas administracións.

"Propoñémoslle ao ministerio constituír unha comisión de seguimento para abordar conxuntamente e informar ben os galegos deste tramo final e camiño final da chegada da alta velocidade e do período de probas." apuntou a conselleira Ethel Vázquez.

Ábalos anunciou tamén a mellora da conexión ferroviaria de Lugo, para a que o Consello de Ministros autorizou no tramo Monforte-Lugo, actuacións por máis de 108 millóns de euros.
 

Noticias web

21/12/2020