CRTVG

Buscar

O ministro do Interior e o presidente de Ceuta defenden o retorno de menores a Marrocos

Publicado o 17/08/2021 15:37

Un xulgado de Ceuta ordenou paralizar as repatriacións durante tres días, mentres non se aclare como foron devoltos xa medio cento de menores dende o venres pasado. Non é a única fronte xudicial. Nas últimas horas, a Audiencia Nacional tamén lle requiriu ao Ministerio do Interior que confirme se ordenou estes traslados. O Goberno asegura que respectará e acatará as resolucións xudiciais.

Unha trintena de organizacións, entre elas Unicef, pedíronlle a Pedro Sánchez por carta que suspenda inmedidatamente as repatriacións. Din que se fan de xeito colectivo, sen aviso previo e sen asistencia legal. Polo contra, o ministro do Interior insiste en que se prima o benestar do menor. "É retornalos coa súa familia, no seu ámbito social e onde non existe ningún tipo de risco", asegurou Fernando Grande-Marlaska nunha entrevista radiofónica.

As autoridades ceutís apoian a actuación do Goberno central. Din que están ao límite da súa capacidade asistencial.  En rolda de prensa, Juan Jesús Vivas, presidente da Cidade Autónoma, insistía en que "se non se aplican medidas expeditivas, eficaces, para o retorno destes menores ao seu país de orixe, ao final, a quen se prexudica é ao menor porque se lle está obrigando a vivir nunhas condicións de absoluta precariedade".

Desde o PP, José Luis Martínez-Almeida aféalle ao Goberno os continuos cambios de opinión, e pediu unha "política seria", dixo, para que os tribunais non boten por terra as decisións do Ministerio do Interior.

Noticias web

17/08/2021