CRTVG

Buscar

O ministro de Saúde do Brasil dimite en plena pandemia tras un mes no cargo

Publicado o 15/05/2020 17:37

A insistencia do presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, en tratar con cloroquina os pacientes de COVID-19 cansou este venres ao ministro de Saúde, Nelson Teich, que renunciou coa curva pandémica en ascenso e case 14.000 mortos no país.

Teich, quen o vindeiro domingo cumpriría un mes no cargo, é o segundo ministro de Saúde que deixa o Goberno desde que o 26 de febreiro foi detectado o primeiro caso de coronavirus en Brasil, que xa supera os 200.000 contaxios e se consolida como un dos focos globais da pandemia e epicentro en América Latina.

"A vida é feita de eleccións e hoxe elixín saír", dixo Teich nun pronunciamento público tras a súa renuncia, no que non terminou de aclarar as razóns da súa saída. Con todo, en Brasília é un secreto a berros que a presión de Bolsonaro polo uso da cloroquina e as súas censuras ás medidas de restrición da circulación de persoas colmaron a paciencia deste oncólogo, que chegou ao Goberno sen experiencia algunha na xestión pública.

De feito, aínda que Teich non o precisou, a súa renuncia ocorreu un día despois de que o mandatario anunciara que ía cambiar "o protocolo da cloroquina", reservada polo Ministerio de Saúde para casos críticos, e impoñer o seu uso ata en pacientes con síntomas leves de COVID-19, algo que o ministro non quería. 

Nova York prorroga medidas polo COVID-19 na Gran Mazá

-As autoridades de Nova York decidiron prorrogar as actuais restricións para frear o coronavirus en varias zonas, incluída a Gran Mazá e os seus arredores, ata o 28 de maio, mentres partes do estado inician este venres a súa "reapertura". Nunha orde executiva asinada a última hora do xoves, o gobernador estatal, Andrew Cuomo, estendeu a duración das normas bautizadas como "Nova York en Pausa", que inclúen a prohibición de reunións públicas e o peche de negocios non esenciais, entre outras cousas.

A normativa vixente ata o de agora expiraba este venres, que é cando cinco rexións, a maioría zonas rurais do norte do estado con signos dun menor impacto da enfermidade, comezan a fase 1 dunha progresiva reactivación da actividade. Nesta primeira etapa volverán operar negocios de construción, manufactura e algúns comerciantes polo miúdo, pero con limitacións.

O estado de Nova York é o gran epicentro da pandemia nos Estados Unidos e acumula máis de 27.600 mortes pola enfermidade, segundo os últimos datos da Universidade Johns Hopkins.

O Reino Unido rexistra 384 novas mortes por COVID-19 e 3.560 contaxios

O Goberno do Reino Unido informou este venres de 384 novas mortes por COVID-19, ata un total de 33.998 vítimas mortais desde que comezou a pandemia, e da detección de 3.560 novos contaxios. Dous días despois de que comezara a retomarse a actividade en diversos sectores económicos en Inglaterra, os novos datos coinciden con anuncio de que o servizo público de saúde británico levou a cabo 133.784 tests nun período de 24 horas.

Portugal ve leve repunta de contaxios ás portas de ampliar a súa desescalada

As autoridades sanitarias de Portugal rexistran este venres o maior incremento de contaxios do últimos sete días, xusto ás portas de entrar na segunda fase da desescalada, que permitirá que o luns abran garderías e cafeterías e restaurantes con límites de capacidade. Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde (DGS), nas últimas 24 horas producíronse seis novas mortes, ata sumar un total de 1.190, e 264 novos contaxios, ata un total de 28.583.

Italia rexistra 242 novas mortes; o total de falecidos ascende a 31.610

Italia rexistrou 242 novos mortos polo coronavirus nas útimas 24 horas, elevando o balance total ás 31.610 vítimas mortais, aínda que confirmou unha caída do número diario de enfermos, segundo datos divulgados hoxe por Protección Civil. Desde que se rexistrou o primeiro caso de contaxio local, o 21 de febreiro pasado, Italia rexistrou 223.885 contaxios, o que supón un incremento de 789 infeccións respecto a este xoves, o que confirma a tendencia á baixa da curva epidemiolóxica.

Francia rexistra 27.529 mortes en total, 104 no último día

Francia rexistrou este venres 104 mortos por coronavirus no último día, que elevan o total de falecementos desde o inicio da epidemia a 27.529, segundo cifras do Ministerio de Sanidade.

Do total de falecidos, 10.187 tiveron lugar en residencias e centros de anciáns, cifra que corrixiu o Ministerio hoxe con respecto aos 10.201 anunciados onte, xoves, polas correccións de datos dalgúns establecementos. O resto, 17.342 falecidos, contabilizáronse en hospitais.

A día de hoxe, 19.861 persoas están hospitalizadas cunha infección por coronavirus, tras rexistrar 438 novos ingresos nas últimas 24 horas. Dese total, 2.203 presentan síntomas graves da patoloxía e atópanse ingresados en coidados intensivos.A pesar diso, o saldo de pacientes ingresados nas  ucis durante o último día foi negativo, con 96 enfermos menos respecto ao día anterior.

Noticias web

15/05/2020