CRTVG

Buscar

O Ministerio rexistra 21.371 novos casos e 308 mortes máis por covid-19

Publicado o 13/11/2020 18:37

As comunidades autónomas notificaron este venres ao Ministerio de Sanidade 21.371 novos casos de covid-19, 8.775 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra inferior con respecto aos 22.516 do mesmo día da semana anterior.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 1.458.591 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 498, fronte a 504 onte e 525 o venres pasado, cun total de 234.280 positivos nas pasadas dúas semanas.

No informe deste venres engadíronse 308 novos falecementos, en comparación cos 356 de onte e 347 do venres pasado.

Na última semana, faleceron 1.315 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España.

Ata 40.769 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio.

Actualmente, hai 20.296 pacientes ingresados por covid-19 en toda España (20.525 onte) e 3.125 en UCI (3.123 onte).

Nas últimas 24 horas, producíronse 2.117 ingresos (2.204 onte) e 2.241 altas (2.342 onte).

A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase xa no 16,15% (16,47% onte) e nas UCI no 31,75% (31,96% onte).

A curva de contaxios resístese a baixar en Andalucía que suma 5.000 novos casos. O goberno autonómico anuncia medidas máis drásticas se os datos non melloran. Para alixeirar as restricións, permítelle a bares e restaurantes, que pechan ás seis do serán, servir a domicilio ata as once e media da noite.

En Cataluña, con 3.700 positivos máis, a hostalería non poderá abrir, polo menos, ata o 23 de novembro. Valencia, que prorroga o peche perimetral da comunidade unha semana, segue en ascenso e notifica preto de 2.300 contaxios. Madrid, en torno aos dous milleiros, levanta o confinamento en dez zonas básicas a partir do luns e o domingo reabre o Rastro.

Por primeira vez, dende o 30 de outubro, a incidencia media acumulada baixa dos 500 casos por 100.000 habitantes. O Ministerio de Sanidade modifica a estratexia de actuación para persoas hospitalizadas por coronavirus. Tras recibir a alta, establece un illamento domiciliario mínimo de catorce días dende o inicio dos síntomas. Ata o de agora, eran dez.