CRTVG

Buscar

España supera os 900.000 contaxios por coronavirus, 100.000 nos últimos dez días

Publicado o 14/10/2020 22:06

O Ministerio de Sanidade notificou este mércores 11.970 casos de covid-19, dos que 5.104 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 2.759 rexistrados o martes. A cifra global de persoas infectadas por coronavirus sitúase nas 908.056.

Respecto aos falecidos por covid-19, o departamento que dirixe Salvador Illa rexistrou este mércores 209 máis, 486 na última semana.

Isto fai que a cifra global de mortos por coronavirus en España se eleve ás 33.413 persoas.

Actualmente hai 11.671 pacientes ingresados por mor do virus en toda España e 1.652 en UCI, aínda que nas últimas 24 horas producíronse 1.422 ingresos e 1.405 altas.

A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase xa no 9,84 % e nas UCI, no 18,76 %.

En Cataluña a medida de pechar bares e restaurantes entra en vigor este venres. Non é a única. Tamén se suspenden as competicións deportivas e as clases presenciais na universidade. A Generalitat quere frear a expansión do virus. Cataluña notificou este mércores 1.500 novos casos. Pero o sector da hostalería considera que o peche non está xustificado.

A comunidade de Madrid, con 2.700 novos positivos, segue a ser a máis afectada, pero consegue baixar a incidencia acumulada ata os 463 casos por 100.000 habitantes. Navarra, que continúa en ascenso, agarda poder controlar os contaxios coas novas restricións postas en marcha este mércores. Tamén Andalucía, con varias localidades confinadas en Sevilla e Málaga.

En Euskadi baixan un pouco os contaxios diarios pero aínda están preto dos catrocentos. O Goberno prepárase para os vindeiros meses cunha reserva estratéxica de material sanitario.

A situación en Aragón non mellora e Teruel volve á fase dúas da desescalada. Tamén Asturias, que, con datos moito mellores, reacciona de xeito drástico tras detectar unha repunta nos últimos días.