CRTVG

Buscar

O Ministerio informa de 37.889 novos casos, a cifra máis alta notificada un luns

Publicado o 19/10/2020 21:07

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 37.889 novos casos de covid−19, a cifra máis alta comunicada un luns desde o comezo da pandemia.

Porén, deles, 3.750 diagnosticáronse nas últimas 24 horas, o cal supón un gran descenso respecto aos 6.591 diagnosticados o venres.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 974.449 desde o inicio da pandemia, segundo as cifras oficiais.

Na última semana, faleceron 459 persoas con diagnóstico de covid−19 positivo confirmado en España, un descenso en comparación cos 575 notificados este xoves.

Ata 33.992 persoas con PCR positiva faleceron desde que o virus chegou a España.

No informe deste luns engadíronse 217 novos falecementos.

Un total de 3.175 persoas precisaron de hospitalización por coronavirus nos pasados sete días (162.819 desde o comezo da pandemia) e 229 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), para unha cifra conxunta de 14.657 desde febreiro.

 

Decretado o peche perimetral en Burgos. É a cuarta capital de provincia confinada en Castela e León. Os contaxios nesta comunidade seguen medrando. Dende o pasado venres, notificou máis de 3.400 positivos.

A situación tampouco mellora en Navarra, coa incidencia acumulada máis alta de España. Supera xa os 900 casos por 100.000 habitantes. O goberno foral vai restrinxir a mobilidade a partir do xoves. Tamén pechará bares e restaurantes durante quince días.

Preocupan tamén a transmisión na Rioxa e Aragón, que están por riba dos 500 casos por 100.000 habitantes. O director do centro de coordinación de alertas, Fernando Simón, recoñece que esa estabilidade da que falaba a pasada semana non se concretou globalmente. Insiste na necesidade de cumpir coa protección básica individual para evitar a aplicación de medidas drásticas.

Máis de cinco millóns e medio de persoas comezaron a semana cun confinamento primetral. Arestora, son máis de trinta os municipios que teñen restricións de mobilidade.