CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 11.016 novos contaxios da covid−19, o 43,6 % en Madrid

Publicado o 30/09/2020 20:52
O Ministerio notifica 11.016 novos contaxios da covid−19, o 43,6 % en Madrid

O Ministerio de Sanidade notificou 11.016 novos casos de coronavirus, un 43,6 % deles en Madrid, co que a cifra total de contaxios desde o inicio da pandemia ascende a 769.188.

Nas últimas 24 horas, confirmáronse 3.897 novos positivos, segundo os datos comunicados a Sanidade polas comunidades.

A cifra global de mortes sitúase en 31.791, con 177 falecidos máis.

Madrid segue sendo a autonomía con maior número de novos positivos, 4.810, dos que 1.586 foron diagnosticados nas últimas 24 horas.

No País Vasco confirmáronse onte 409 contaxios; en Aragón, 314, e en Andalucía, 313.

Tamén Madrid é a comunidade cun maior número de mortos pola covid−19 nos últimos sete días, ao anotar 172, seguida de Andalucia, con 70; Castela e León, con 64, e Castela-A Mancha e o País Vasco, con 39 cada unha.

Nos últimos 14 días diagnosticáronse 133.604 novos casos, co que a incidencia acumulada é do 284,11 en toda España.

A comunidade de Madrid sitúase en primeiro lugar da lista, cunha incidencia acumulada (casos de covid−19 por cada 100.000 habitantes) de 735,05.

Séguena Navarra, con 681,12; Castela e León, con 386,36; Murcia, con 385,23, e Aragón, con 370. 

Na actualidade hai 10.855 pacientes de coronavirus hospitalizados en toda España. Nas últimas 24 horas rexistráronse 1.241 ingresos de enfermos e 1.310 altas.