CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade quere reducir a 48 horas o prazo para o diagnóstico

Publicado o 04/05/2020 15:54

• Na actualidade tárdase entre 10 e 15 días desde que aparecen síntomas

• O ministro estuda coas comunidades autónomas o reforzo da atención primaria

• Ata agora só as Canarias e as Baleares solicitaron pasar á fase I

O Ministerio de Sanidade quere reducir a un máximo de 48 horas o prazo para identificar un caso sospeitoso de coronavirus, en lugar dos ata 15 días que se tarda actualmente entre que unha persoa desenvolve síntomas e recibe o diagnóstico da enfermidade.

Así o dixo este luns en conferencia de prensa o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, que recoñeceu que se trata dun obxectivo ambicioso e que haberá que esperar a ver que capacidade real existe nas comunidades autónomas e, "se hai que reforzar os sistemas, haberá que propoñelo e facelo".

Simón explicou que na actualidade o período entre que unha persoa desenvolve síntomas, acode ao médico e se lle notifica o diagnnóstico oscila entre 10 e 15 días e o obxectivo para a fase de transición é identificar os casos sospeitosos nun prazo máximo de 48 horas "polo menos nunha porcentaxe moi, moi alta".

Consello Interterritorial de Saúde

Deste asunto falarán hoxe o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e os conselleiros autonómicos. Para iso estudarán un reforzo da Atención Primaria que lle permita ter máis capacidade de testeo a través de PCR. O ministro explicou que se vai a poñer en marcha unha nova estratexia de diagnóstico precoz nesta fase de transición a unha nova normalidade.

Ao respecto, Fernando Simón avanzou que "o que imos facer agora é tratar de facer detección precoz con moitos indicadores diarios e semanais que van dirixidos a coñecer o número de casos posibles ou sospeitosos que poden ter sintomatoloxía relacionada co coronavirus".

Trátase de garantir que no momento en que se transite dunha fase a outra, as comunidades están preparadas para responder correctamente en caso de brote, subliñou.

Simón foi cauteloso ao referirse á posibilidade de usar aplicacións para facer un seguimento dos contactos dun contaxio, unha información que cualificou como fundamental "no momento en que o numero de casos sexa o suficientemente pequeno como para expor un tránsito" a outra fase.

Aínda que recoñeceu que España "está a traballar" con estas aplicacións para ver como se deben relacionar coas bases de datos sanitarios e cos sistemas asistenciais e de saúde publica, insistiu en que "hai máis alternativas" para facer un seguimento dos contactos.

"O que necesitamos saber é que valor engaden a outros sistemas que xa temos instalados ou que se están instalando para facer este seguimento", dixo. Advertiu de que en España existe unha lei "restritiva que protexe a privacidade das persoas" e que as aplicacións teñen que ir en consonancia con ela.

Só as comunidades insulares pediron a fase I
Segundo a información de que dispón o experto, esta mañá só chegaran solicitudes para pasar á fase 1 o próximo día 11 de maio "dunha parte das illas de Baleares e das Canarias".

Nese sentido, o epidemiólogo lembrou que "as solicitudes para os que queiran abrir o luns 11" téñense que facer antes do próximo mércores, mentres que se se "quere abrir dentro de dúas semanas teñen aínda marxe para facelas".

Áreas de saúde

Sobre a proposta de Cataluña de usar as áreas de saúde como unidades territoriais, Simón afirmou: "se reúne as condicións, non vexo por que non se vai a utilizar, como pode pasar en calquera outra comunidade. Non creo que isto sexa unha discusión de CCAA específicas, senón de calquera zona do territorio español".

Explicou que no plan de transición especifícase que se as comunidades identifican outra unidade territorial coas características adecuadas tanto epidemiolóxicas, como de capacidades asistenciais e de control da mobilidade cara a outras unidades territoriais contiguas pódeno propoñer e discutir co Ministerio.

"Se se chega a unha discusión que nos permita pensar que esa área é susceptible de cambiar de fase, non hai ningunha problema en facelo", concluíu.