O Ministerio de Sanidade propón agora eliminar as restricións á hostalería
• Feijóo di que o Goberno non pode impoñer restricións tras "hibernar"
• O sector hostaleiro e a Xunta apostan por volver abrir as barras de bares e cafeterías
EFE
O Ministerio de Sanidade propón agora eliminar as restricións á hostalería e permitir a apertura do lecer nocturno tamén en zonas nun nivel medio de risco e non só baixo. As medidas, en todo caso, serán obxecto de revisión e flexibilización segundo evolucione a pandemia.
Así consta no borrador que o departamento que dirixe Carolina Darias enviou onte á noite aos conselleiros, ao que tivo acceso EFE, en que Sanidade modifica a declaración de actuacións coordinadas aprobada a semana pasada no Consello Interterritorial de Saúde e publicada desde o sábado no BOE.
Galicia advertiu onte que presentaría un recurso ante o Tribunal Constitucional por "invasión de competencias" se o Goberno non modificaba a normativa sobre horarios en hostalería, lecer nocturno e límite de reunións da pasada semana; mentres que a Audiencia Nacional deixou sen efecto de modo cautelar estas medidas en Madrid tras un recurso da Comunidade de Madrid.
En concreto, a nova formulación de Sanidade suprime todo o referente ás limitacións á hostalería; o acordado co voto en contra de cinco comunidades —Andalucía, Madrid, Cataluña, Murcia e Galicia— e a abstención doutra —Castela e León— foi deixar abrir estes establecementos ata a unha da madrugada sen que puidesen servir máis aló das doce da noite e mais outras restricións de ocupación.
Ademais, modifica o apartado que aludía ao lecer nocturno: se antes só se permitía a súa apertura ata as 2:00 horas, ampliable ás 3:00, en zonas de ata nivel 1 de alerta, no borrador inclúense tamén ás que están no nivel 2. Na actualidade, só o País Vasco e A Rioxa se sitúan por encima no nivel 3.
"A apertura dos locais de lecer nocturno poderase autorizar cando a situación epidemiolóxica da unidade territorial de referencia para o control da covid−19 da Comunidade Autónoma en que se atope o local estea fóra dos niveis de risco ou nos niveis de alerta 1 e 2, conforme ao documento Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión de COVID−19", recolle o borrador.
Por último, engade un parágrafo para especificar que as medidas acordadas "poderán ser obxecto de revisión e flexibilización a medida e en consonancia coa evolución da pandemia da COVID−19".
Sanidade fixo esta nova formulación despois de que a Audiencia Nacional paralizase este luns estas restricións na Comunidad de Madrid ante "o risco de xerar situacións de incerteza e de menoscabo (que puidese ser grave) aos intereses dos afectados últimos pola decisión de impoñer restricións distintas ás xa existentes".
Tras coñecerse a noticia, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias Fernando Simón asegurou que "o Ministerio busca consenso e trata de evitar a xudicialización do proceso". "Sería unha pena que vaia depender das autoridades xudiciais porque non atopásemos alternativas suficientes", engadiu. De forma que "se non se poden aplicar as medidas por motivos xudiciais, buscaranse alternativas o máis consensuadas posibles", avanzou.