CRTVG

Buscar

O Goberno rectifica e buscará consensuar coas comunidades o protocolo de desescalada

Publicado o 07/06/2021 22:01

• A xustiza suspende as medidas en Madrid logo do recurso do Goberno de Ayuso

• Galicia, co apoio da hostalería e o lecer nocturno, ameazara con ir ao Constitucional se o Goberno non flexibilizaba o documento

EFE

O Ministerio de Sanidade está a falar cos conselleiros do ramo e ten un novo documento sobre as restricións ao lecer nocturno e a hostalería, despois de que a Audiencia Nacional paralizase na Comunidade de Madrid o que entrou en vigor o pasado sábado.

Fontes da Consellería de Sanidade da Comunidade Valenciana confirmaron que a ministra Carolina Darias chamou á conselleira Ana Barcelo e remitiuna a un novo documento para o mércores, cando se reúna de novo o Consello Interterritorial de Saúde, o órgano en que se aprobaron sen a unanimidade das comunidades autónomas as medidas que a xustiza paralizou este luns en Madrid.

Outras fontes autonómicas aseguraron tamén a Efe que Sanidade está a contactar cos gobernos autonómicos despois de coñecerse a resolución xudicial. Pola súa banda, fontes do Ministerio insistiron en que todo o departamento busca "puntos de encontro" e que a ministra fala a diario cos titulares das consellerías autonómicas.

"O Ministerio busca consenso e trata de evitar a xudicialización do proceso; sería unha pena que vaia depender das autoridades xudiciais porque non atopásemos alternativas suficientes", resaltou na súa habitual conferencia de prensa o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias Fernando Simón tras coñecer a resolución da Audiencia Nacional.

A Audiencia Nacional suspendeu de forma cautelarísima a aplicación na Comunidad de Madrid das restricións ao lecer nocturno, a hostalería e os eventos acordadas no Consello Interterritorial de Saúde o pasado mércores e publicadas o sábado no BOE. Na redacción final desa orde, a Secretaría de Estado de Sanidade introduciu un apartado en que se especifica que as comunidades e cidades con estatuto de autonomía que se rexan por medidas máis restritivas que as acordadas serán as que decidan sobre a conveniencia de flexibilizalas.

Madrid presentou un recurso contencioso administrativo contra esas medidas para pedir a súa paralización como medida cautelarísima (sen nin sequera escoitar á outra parte) e impedir "un dano inmediato, irreparable e non emendable". A Audiencia accede a esa petición ante "o risco de xerar situacións de incerteza e de menoscabo (que puidese ser grave) aos intereses dos afectados últimos pola decisión de impoñer restricións distintas ás xa existentes". Unha vez adoptada esa decisión, a Sala dá prazo ao Goberno central para que presente alegacións. Entón decidirá se mantén a suspensión ou reactiva as medidas.

Tamén Galicia avanzou este luns que presentará un conflito de competencias ante o Tribunal Constitucional por "invasión de competencias" no caso de que o Goberno non modifique a normativa sobre horarios na hostalería. Con todo, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda confiou en que no Consello Interterritorial se poida “retomar o entendemento”. Simón explicou que todo o Ministerio, desde a parte máis técnica, tratou de "manter unha posición negociadora á hora de implementar e propoñer todas as medidas". E "practicamente todo o que se propón" se traballa antes nos relatorios e se eleva á Comisión de Saúde Pública "ou se discute con múltiples actores".

Neste caso, Sanidade propuxo na Interterritorial unha declaración de actuacións coordinadas que permite a reapertura do lecer nocturno ata as 2, ampliable ata as 3, naquelas zonas que estean nos niveis máis baixos de risco. Tamén establece un límite horario para a hostalería, que non poderá abrir máis aló da 1 nin servir máis tarde das 24 horas, e restricións de ocupación e mais outras medidas para eventos multitudinarios e prohibicións de fumar e vapear na rúa cando non se poidan gardar os dous metros de distancia, entre outras.

A declaración saíu adiante co voto en contra de Madrid, Cataluña, Murcia, Galicia e Andalucía. Euskadi nin sequera participou no debate e Castela e León abstívose. "Se non se poden aplicar as medidas por motivos xudiciais, buscaranse alternativas o máis consensuadas posibles", dixo o epidemiólogo, e lembrou que no pasado xa se deron situacións similares en que "a posición xudicial non coincide coas propostas que saen de Saúde publica ou Sanidade". Na súa opinión, se se logra finalmente o consenso con esas alternativas que garantan a seguridade suficiente, "os riscos non serán demasiados". 

Noticias web

07/06/2021