CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade notifica 41.576 contaxios e unha incidencia de 736

Publicado o 20/01/2021 18:26

O Ministerio de Sanidade notificou 41.576 novos positivos de covid desde o martes, co que a cifra total de contaxios desde o inicio da pandemia elévase a 2.412.318, un aumento da incidencia acumulada ata os 736,23 casos por cada 100.000 habitantes, 22 puntos máis que onte.

Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, contabilizáronse 464 falecidos desde o martes, co que a cifra de mortos desde marzo ascende xa aos 54.637 e no últimos sete días a cifra supera o milleiro de decesos (1.146).

Tamén continúa elevada a presión hospitalaria, cun 19,95 por cento das camas ocupadas por enfermos de covid - sete décimas máis que onte-, con 25.228 ingresados (1.043 pacientes máis que onte). Deles, 3.583 están en coidados intensivos, cunha ocupación do 35,02 por cento do total destas unidades, fronte ao 33,6 % do martes.