CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade non descarta traslados de pacientes entre comunidades autónomas

Publicado o 23/03/2020 13:46
O Ministerio de Sanidade non descarta traslados de pacientes entre comunidades autónomas

O director de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, asegurou hoxe que existe un procedemento para o traslado de pacientes entre as comunidades autónomas, pero advertiu de que hai que facelo con "coidado" e "prudencia" porque "non sobran recursos".

Sanidade está a colaborar con Protección Civil nos plans de coordinación ante catástrofes e lembrou que en España existe un procedemento para que as comunidades autónomas se apoien unhas a outras en base á solidariedade de forma que os pacientes poidan ser trasladados se é necesario.

"Os plans están aí e cando sexa necesario utilizalos farase".

Mecanismos de solidariedade

Simón dixo que as comunidades autónomas van a diferente ritmo, o que está a demostrar que aínda que o número total de necesidades vai ser "alto", é "certo que non vai ser o mesmo" nos diferentes territorios. Iso permite, explicou, "poñer en marcha todos os mecanismos de solidariedade que ten o sistema de saúde para garantir unha resposta o máis adecuada posible en todas as comunidades".

A maioría dos investimentos en recursos están a facerse na Comunidade de Madrid, a máis afectada, pero Simón asegurou que eses recursos "pódense ir movendo e pasando ás comunidades a medida que vaian chegando ao seu límite de capacidade", que, de acordo aos modelos, "podería non estar moi lonxe", nos primeiros días de abril.

"O uso real de camas de UCI ata a data está por baixo do que predín os modelos, polo que é posible que as necesidades se poidan estimar á baixa a medida que avance a epidemia", indicou Simón, que pediu "ser moi cautos, porque se traballa para os peores escenarios e cando veñan outros máis agradables a tensión será menor".