CRTVG

Buscar

En vigor a norma de restricións obrigatorias para bares, restaurantes e lecer nocturno

Publicado o 05/06/2021 11:41

• A orde xerou un conflito con comunidades como Galicia

EFE

O Ministerio de Sanidade trasladou ás comunidades a orde coas restricións ao lecer nocturno e a hostalería lembrándolles que son de obrigado cumprimento desde este momento ata que a ministra "aprobe a finalización da súa vixencia" previo acordo do Consello Interterritorial.

Así consta na orde asinada por Carolina Darias este venres coa que aproba a declaración de actuacións coordinadas fronte á covid-19 acordada no Interterritorial o pasado mércores e que, sinala o documento, é recurrible en reposición ante a propia ministra ou ante o contencioso da Audiencia Nacional.

Na orde, que xa está no BOE, o Ministerio lembra o carácter obrigatorio das mesmas: "A presente declaración de actuacións coordinadas obriga a todas as comunidades e cidades con estatuto de autonomía, con independencia do sentido do seu voto". E afírmao apoiándose no segundo parágrafo do artigo 151.2.a) da lei de Réxime Xurídico do Sector Público, sobre os Acordos de Conferencia Sectorial, sobre os Acordos de Conferencia Sectorial referidos ao ámbito sanitario, no que a Administración Xeral do Estado ten atribuídas funcións de coordinación xeral.

A diferenza da proposta inicial que expuxo ás comunidades o mércores é que xa non supedita a vixencia das normas ata que o 70 por cento da poboación estea vacinada, senón "ata que se aprobe pola ministra de Sanidade a finalización da súa vixencia" previo acordo do Consello Interterritorial. "A declaración de actuacións coordinadas producirá efectos desde a súa notificación ás comunidades e cidades con estatuto de autonomía, e ata que se aprobe pola Ministra de Sanidade a finalización da súa vixencia, previo acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, con audiencia de todas as comunidades e cidades con estatuto de autonomía" resalta a orde.

Polo demais, as actuacións coordinadas son as mesmas acordadas no Interterritorial co voto en contra de Madrid, Galicia, Murcia, Andalucía e Cataluña e a abstención de Castela e León. Euskadi nin sequera participou no debate.

Desta forma, a partir de hoxe mesmo, o lecer nocturno poderá reabrir ata as 2, ampliable ás 3, nas comunidades que estean fóra do nivel risco ou no nivel de alerta 1, que neste momento son Galicia, Cantabria, Navarra, Estremadura, Comunidade Valenciana, Murcia, Baleares e Canarias. O resto, salvo Euskadi e A Rioxa, que están no 3, sitúanse no nivel 2 de alerta.

O consumo de bebidas e alimentos nestes locais, tanto en interiores como exteriores, farase sentado, cunha separación entre as cadeiras de distintas mesas de polo menos 1,5 metros. Non poderán superar o 50 % de ocupación no interior; as terrazas ao aire libre poderán ocupar a totalidade das mesas permitidas, que só poderán estar ocupadas por un máximo de 6 persoas en lugares pechados e 10 no exterior.Se o territorio chegase ao nivel de alerta 2, a comunidade poderá valorar autorizar a apertura de locais de lecer nocturno coas restricións que se propoñen no semáforo de Sanidade, que reduce a ocupación a un terzo.

Hostalería

Se o territorio está fóra dos niveis de risco, permitirase a metade do ocupación no interior, podéndose incrementar nun 10 % se se aplican medidas que garantan un alto nivel de ventilación e control da calidade do aire. Nas terrazas ao aire libre poderanse ocupar a totalidade das mesas separadas por 1,5 metros e ocupadas ao máximo por 6 persoas en interior e 10 en exterior. Permítese o servizo e consumo en barra. Como máximo estarán abertos ata a 1 e deixarán de servir ás 24:00 horas.

E nos eventos multitudinarios, aplicaranse as medidas de control de riscos propostas no denominado semáforo de Sanidade, que van da prohibición para comer, beber e fumar nas zonas destinadas ao público ao uso obrigatorio de máscara.

As comunidades están obrigadas desde hoxe a implementar a campaña de vacinación seguindo a estratexia de vacinación aprobada pola Comisión de Saúde Pública a proposta do Relatorio de Programa e Rexistro de Vacinacións. Ademais, deberán prohibir fumar na vía pública ou en espazos ao aire libre cando non se poida respectar unha distancia mínima interpersoal de, polo menos, 2 metros, incluíndo calquera outro dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas ou asimilados.

A ministra de Sanidade advertía hoxe: se as comunidades non as aceptan, tomarán medidas para obrigalas a cumprir.

 

 

Noticias web

05/06/2021