CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade estuda reducir a corentena a 10 días

Publicado o 07/09/2020 20:43

Os casos positivos seguen subindo en España pero con cifras de hospitalización semellantes ás da semana pasada, arredor dun 7%, cun lixeiro ascenso dos ingresos na UCI. Segundo os expertos, a chamada 'positividade' medra polo alto número de probas PCR, chegaron a case 100.000 o pasado venres, e porque se levan a cabo nas zonas con alta transmisión comunitaria.

Sobre a proposta doutros países de reducir a corentena entre 5 e 7 días, Simón pensa que haberá que esperar un tempo e ter moita cautela. Insiste en que un paso atrás nese eido pode ser determinante para incrementar de novo a transmisión.

Na volta aos colexios recalcou que o máis importante é actuar con rapidez cando haxa positivos. Haberá que estudar como se atallan os gromos en cada situación particular e en cada comunidade, sen esquecer que o obxectivo principal é manter a modalidade presencial.

Nunha semana poderase facer unha análise desta volta ás aulas en 28.000 centros educativos do país. Desde o Centro de Coordinación de Emerxencias Sanitarias entenden que haberá gromos, pero que hai ferramentas e protocolos para poder controlalos a tempo.
 

Noticias web

07/09/2020