CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade establece medidas para catro niveis de alerta

Publicado o 16/10/2020 15:21

O obxectivo de Sanidade é fixar uns criterios comúns a partir dos que se deberán aplicar medidas en poboacións de máis de 5.000 habitantes.

Tendo en conta indicadores epidemiolóxicos, como o número de novos casos, a incidencia en maiores de 65 anos e a porcentaxe de positivos. E criterios asistenciais, como ocupación das UCI. Con eles establécense catro niveis de alerta.

Só Galicia, a Comunidade Valenciana e Melilla estarían no nivel de risco baixo. Do outro lado, con máis de 250 contaxios por cada cen mil habitantes, entroutros parámetros, estarían agora mesmo Aragón, Castela e León, Ceuta, Madrid, Navarra e a Rioxa, en risco estremo.

Neste caso, no nivel de alerta extrema ábrese á porta ao confinamento, coa limitación de mobilidade das persoas e peches perimetrais ou outras restriccións do movemento, mantendo sempre os servizos esenciais.

O risco alto supón o peche do interior de bares e restaurantes, que poden manter as terrazas ao 50 por cento. Pechan tamén as casas de xogo. E valórase a educación semipresencial.

No nivel de alerta medio limítanse as reunións a un máximo de seis persoas non convivintes, e fíxase un horario preferentes para a actividade física das persoas maiores.

A alerta baixa, ou semáforo verde establece reunións dun máximo de dez persoas, e comercios e mercados ao aire libre cun 75 por cento da capacidade.

Sanidade estudia prohibir fumar nas rúas cando non se poida manter a distancia de seguridade. E en calquera dos escenarios os parques permanecerán abertos e as discotecas, pechadas.

O Ministerio prevé publicar a próxima semana esta reforma do Plan de Resposta Temperá, para afrontar un escenario que Salvador Illa cualifica de complicado.

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Nas próximas semanas e meses teremos que tomar medidas quirúrxicas por períodos curtos de tempo. Será un Nadal diferente".

Illa estima que en Nadal España disporá de tres millóns de vacinas contra a covid-19, pero a Axencia Europea de Medicamentos cre que as primeira vacinas chegarán na primavera de 2021.

Noticias web

16/10/2020