CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade convocou un Consello Interterritorial de urxencia

Publicado o 01/03/2020 15:01

O incremento de casos en España levou ao Ministerio de Sanidade a convocar este mediodía un Consello Interterritorial de urxencia para valorar as medidas que se tomaron ata agora. Representantes sanitarios das distintas comunidades autónomas participaron nesta xuntanza por videoconferencia.
Sen casos de coronavirus rexistrados aquí, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vazquez Almuiña, participou este mediodía desde San Lázaro no Consello interterritorial co resto de comunidades no que valoraron a expasión do coronavirus. España continúa en fase de contención.

Jesús Vázquez Almuiña. Conselleiro de Sanidade
"Estamos aínda fóra da fase 2, estamos na fase 1. Aínda que pode ocorrer que nalgún momento teñamos casos, como nas outras autonomías, España en xeral ten poucos casos. Mañá valorarase a toma de decisións nos grupos de Saúde Pública e de alertas do Ministerio sempre proporcionalmente a como se encontren as comunidades autónomas unhas con respecto a outras."

A Xunta xa puxo en marcha unha Comisión Interdepartamental para o seguimento do COVID-19, encargada de coordinar e avaliar as actuacións de prevención e paliativas en canto se detecte algún caso.
Jesús Vázquez Almuiña. Conselleiro de Sanidade "Seguimos aconsellando evitar viaxes a zonas de alta incidencia e que as persoas que poidan ter os síntomas: tose, febre ou dificultade respiratoria xeral, que eviten ir a lugares de moita xente."

O Conselleiro insistiu en que se están reforzando os equipamentos de urxencia, e organizando os servizos do 061 e de asistencia médica a domicilio para poder atender os casos se se dan.
 

Noticias web

01/03/2020