CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade confirma que o 70 % da poboación diana ten a pauta completa da vacina contra a covid

Publicado o 18/08/2021 19:16

• España sitúase entre os dez países do mundo con maior porcentaxe de poboación con, polo menos, unha dose

O Ministerio de Sanidade informou de que o 71,2 % da poboación diana (maior de 12 anos) conta xa coa pauta completa da vacina fronte ao coronavirus e o 82,2 por cento ten xa unha dose, segundo os datos do último informe de vacinación.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, destacou na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que "estes datos tan relevantes se alcanzaron polo fantástico traballo realizado por todos os que conforman o Sistema Nacional de Saúde".

Esta semana, as comunidades autónomas reciben 4,7 millóns de doses de vacinas de ARN mensaxeiro (3,4 de Pfizer e 1,3 de Moderna).

Neste sentido, a ministra recoñeceu publicamente o traballo que están facendo os equipos de Saúde e animou a seguir incentivando a campaña de vacinación, abrindo novos puntos sen cita previa para aquelas persoas que desexen vacinarse e con sistemas de autocita, como xa están implementando as comunidades autónomas.

Darias subliñou que alcanzar e superar os obxectivos de vacinación en todos os grupos de poboación é clave para reducir os riscos de novas ondas epidémicas e que neste momento, que hai maior dispoñibilidade de vacinas de ARNm, abrir a vacinación de maneira extensiva contribúe a avanzar nese proceso.

Na reunión de hoxe, varias comunidades explicaron que empezaron a adiantar a vacinación das persoas que pasaron a enfermidade, respecto aos seis meses inicialmente previstos. Os equipos de Sanidade tamén están traballando para rescatar os grupos máis vulnerables aínda sen vacinar, especialmente os maiores de 40 sen ningunha dose ou coa pauta sen completar.

O ritmo xeral de vacinación cualifícao o Ministerio como "un éxito colectivo de país", que sitúa España entre os dez países do mundo con maior porcentaxe de poboación con, polo menos, unha dose.

Noticias web

18/08/2021