CRTVG

Buscar

O delegado do Goberno recoñece que as actas de reconto de votos da web de Interior poden ter erros

Publicado o 29/05/2019 12:59
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, recoñeceu "pode haber erros nas actas que se gravan nas páxinas web", unha cuestión que "depende do programa que utiliza a empresa adxudicataria", aínda que "o importante é o escrutinio oficial e real que empeza hoxe". "Non vai haber ningún tipo de problema, o resultado definitivo, coma sempre, marcouno o escrutinio manual das actas", apuntou Losada en declaracións á prensa durante a posta en servizo do tramo Arzúa-Lavacolla da A-54.
O delegado do Goberno reiterou que os datos da páxina web e da aplicación do Ministerio de Interior "son provisionais" e o reconto oficial "iníciano hoxe as diferentes xuntas electorais". 

O Ministerio de Interior recoñece que se produciron erros no traslado da información das mesas electorais ao centro onde se recompilan os datos e non esconde o seu malestar coa empresa que se encargou do proceso, a UTE formada por Scytl e Vector, pola metodoloxía que escolleu para informar do resultado do escrutinio.

Desde o domingo pasado, partidos políticos e concellos estiveron denunciando fallos nos resultados dos seus municipios, que aparecían con erros na páxina web de resultados provisionais do Ministerio do Interior.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/05/2019