CRTVG

Buscar

Alcoa logra un preacordo para vender a Parter Capital as plantas da Coruña e Avilés

Publicado o 18/06/2019 19:21
Alcoa logra un preacordo para vender a Parter Capital as plantas da Coruña e Avilés

Alcoa e Parter Capital Group alcanzaron un acordo este martes polo que o fondo suízo adquire á multinacional estadounidense do aluminio as plantas da Coruña e Avilés que pretendía pechar.

O preacordo entrará en vigor cando se obteñan as aprobacións internas de ambas partes e se ratifique polas comisións dos representantes dos traballadores. 

O compromiso logrado incríbese no proceso de venda previsto no acordo do expediente de regulación de emprego (ERE) polo que se abriu un período para a venda das dúas fábricas que expiraba o 30 de xuño.

Unha vez obtida a aprobación das dúas partes e a ratificación da representación social, a venda levarase a cabo cando se resolvan todos os requisitos regulatorios.

Alcoa considera que a oferta ofrece "oportunidades de futuro" para as dúas plantas, incluída a posibilidade de recuperar a produción de aluminio primario. Ademais, o fondo suízo aceptou manter durante cando menos dous anos os empregos e as condicións laborais dos traballadores.

O Goberno valora o preacordo

O Ministerio de Industria nun comunicado valorou positivamente o preacordo de venda das plantas da Coruña e Avilés alcanzado esta mañá entre Alcoa e Parter Capital Group.

Segundo o Ministerio, cumprese así co compromiso subscrito polo ministerio o 15 de xaneiro a fin de atopar unha solución integral e viable para o mantemento do 100 por cento dos postos de traballo e das capacidades produtivas das dúas factorías.

O plan industrial está sendo presentado por parte de Parter Capital Group aos representantes do Ministerio e aos gobernos de Galicia e Asturias, nunha reunión que tiña previsto iniciarse ás tres da tarde na sede de Industria.