CRTVG

Buscar

O Ministerio de Agricultura amplía ao 15 de xuño o prazo para solicitar as axudas da PAC

Publicado o 30/04/2020 10:09
O Ministerio de Agricultura amplía ao 15 de xuño o prazo para solicitar as axudas da PAC

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) ampliou ata o 15 de xuño o prazo de presentación da solicitude das axudas directas da Política Agrícola Común (PAC) para 2020, segundo unha orde publicada este xoves no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Preto de 700.000 agricultores e gandeiros presentarán, previsiblemente, a solicitude única en 2020 para recibir axudas da PAC, de acordo ao Ministerio.

O prazo xa fora ampliado ata o 15 de maio -data máxima permitida na regulamentación comunitaria-, ante a crise sanitaria da COVID-19 e o estado de alarma, pero o Departamento solicitou á Comisión Europea (CE) unha maior flexibilidade para facilitar aos agricultores e gandeiros as xestións e dar máis seguridade aos beneficiarios da PAC.

A CE aprobou, ademais, un regulamento que permitirá reducir nesta campaña os controis sobre o terreo que se realizan en cada réxime de axuda ao pasar do 5 % dos expedientes ao 3 %, lembrou o Ministerio nun comunicado. Eses controis poderán facerse de tal maneira que se evite o contacto físico entre o agricultor e o controlador para respectar as normas sanitarias vixentes.

Con estas medidas, segundo o MAPA, conseguirase que non exista un atraso nos controis e que as axudas da PAC se paguen nos mesmos prazos de todos os anos.

Así mesmo, nos casos en que a crise orixinada polo coronavirus provocase que algúns produtores non poidan cumprir toda as condicións esixidas para a cobranza de determinadas axudas, os organismos pagadores estudarán se procede aplicar a consideración de caso de forza maior para evitar penalizar ao beneficiario.

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) publicará en breve os detalles sobre como xestionar estes casos de forza maior. Entre eses supostos figuran os gandeiros beneficiarios das axudas asociadas ao ovino e caprino en campañas anteriores e que en 2020 incumpran o requisito do limiar mínimo de produción, no caso de explotacións que visen afectada a súa capacidade de comercializar a súa produción como consecuencia da COVID-19.

O MAPA tamén citou os gandeiros que teñan necesidade de utilizar para o pastoreo superficies de barbeitos "de interese ecolóxico" no marco da axuda ás prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente, en explotacións afectadas pola COVID-19 debido á dificultade para o transporte ou a incrementos de densidade na explotación pola dificultade para vender tenreiros, cordeiros ou cabritos.

A partir do próximo 16 de outubro poderanse abonar os anticipos das axudas.

O MAPA lembrou que un regulamento da CE permitirá incrementar a porcentaxe dos devanditos adiantos ata o 70 % nas axudas directas e ata o 85 % nas medidas de desenvolvemento rural. No caso de España, estes anticipos poderían permitir un adianto das axudas directas de arredor de 3.421 millóns de euros e beneficiarán a preto de 700.000 agricultores e gandeiros que se prevé que presenten a solicitude única nesta campaña 2020.