CRTVG

Buscar

O Goberno aposta por confinamentos cirúrxicos fronte aos brotes

Publicado o 29/06/2020 18:51
O Goberno aposta por confinamentos cirúrxicos fronte aos brotes

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, explicou este luns que cre que se pode evitar unha segunda onda da pandemia de coronavirus se se mantén unha "actitude responsable" e as medidas de seguridade entre a poboación. Asegurouno en declaracións a RAC1 en que avogou por confinamentos "cirúrxicos" fronte a rebrotes --illar colectivos, edificios e zonas expostas-- aínda que non descartou un confinamento total se a situación o precisa.

Sobre unha posible segunda onda, Illa insistiu en que será de "intensidade menor e de magnitude inferior" á primeira porque o sistema sanitario está, ao seu xuízo, mellor preparado, aínda que comentou que deben traballar pensando no peor dos casos.

"Ata que non teñamos unha vacina e un tratamento eficaz debemos facer o que estamos a facer: detectar de forma precoz e illar os casos e os seus contactos", argumentou o ministro.

Illa defendeu que hai "un esforzo sen precedentes" a nivel mundial en investigación para descubrir unha vacina, e estimou que estará dispoñible dentro dun ano. Ao ser preguntado pola súa xestión, Illa asegurou que nunca pensou en dimitir e ninguén lle pediu que deixe o cargo, e lembrou que todos os países "chegaron tarde".

Sobre a relación coas comunidades autónomas durante a pandemia, Illa insistiu en que quixeron ser "moi respectuosos coas súas competencias e a comunicación foi moi fluída" con todos os conselleiros de Sanidade.

Once brotes de interese, entre eles Galicia

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, especificou que o Ministerio de Sanidade ten rexistrados 51 brotes de COVID-19 en toda España, aínda que, de todos eles, considera que apenas 11 son "de interese" polo seu volume ou características, como en Lleida, nun hospital de Valladolid, Huesca, Málaga, Murcia ou Galicia.

En conferencia de prensa este luns, o epidemiólogo detallou que a situación "non cambiou moito" con respecto ao xoves, cando compareceu por última vez. Sobre os 51 brotes, insistiu en que a gran maioría están próximos ao seu fin, próximos aos 28 días necesarios para dalo por finalizado oficialmente, como os dous rexistrados en hospitais de País Vasco hai unhas semanas.

Así, explicou que os brotes "de interese" teñen esta consideración porque non se ten claro a súa orixe, polo gran volume de casos, porque non se ten claro a quen está a afectar ou porque se ampliaron máis aló do recomendable xeograficamente, entre outros exemplos. "As razóns polas que son de interese son moi variadas", precisou.

Segundo o experto, o estudo dos brotes por parte das comunidades autónomas "está a facerse con moito detalle". "A transmisión comunitaria non está a ser un problema de importancia", engadiu, descartando que estes brotes estean descontrolados.

Huesca e Lleida

En primeiro lugar, sobre os brotes en Huesca e Lleida, indicou que "teñen moitas similitudes", pero non garantiu que estean relacionados: "Teñen moitas similitudes, son de temporeros, están moi próximos xeograficamente... todo isto fai dubidar de se hai unha relación entre eles, non é descartable, pero non podemos garantilo.

Obviamente puido haber algunha transmisión pero non podemos garantilo". Así, argumentou que o problema deste tipo de brotes non é a condición de temporeros ou de traballadores de matadoiros, que tamén están a ser un foco, senón as condicións precarias nas que viven. Por exemplo, lembrou que moitos dos temporeros viven en malas condicións ou comparten camas con algúns dos seus compañeiros.

En calquera caso, Simón asegurou que o brote de Huesca "parece que evoluciona ben". "A maioría son asintomáticos ou con infeccións resoltas, non teñen probabilidade de transmitir. Pero polo menos o 10 por cento dos 250 son sintomáticos e están en illamento. O risco está relativamente controlado. De haber transmisión comunitaria, foi moi limitada. Agora mesmo parece que non se está detectando pero aínda quedan días para estar seguro de que isto é así", agregou.

Sobre o producido en Lleida, informou de que "non se ten tanto detalle de información aínda", pero puntualizou que "en principio non vai demasiado mal". "Son brotes en temporeros tamén, son poquitos, moito menos que en Aragón, pero seguen sendo recentes e hai que valoralos con moito coidado", agregou.

Edificio de Santander

En canto ao dun edificio de Santander, aplaudiu a xestión do Goberno cántabro: "Están a facer unha investigación realmente moi en profundidade deste brote. Impresionoume a solvencia coa que están a traballar, pensaron practicamente en todas as hipóteses". Polo momento, está a estudarse se todos os casos dese bloque están relacionados ou non. "Están a traballar co centro de saúde para ver se detectaron suficientemente ben aos casos sospeitosos", concluíu.

Noticias web

29/06/2020