CRTVG

Buscar

O Ministerio actuará en focos con dúas ou máis autonomías afectadas sen botar man do estado de alarma

Publicado o 13/07/2020 19:00

 O Ministerio de Sanidade actuará en brotes de coronavirus que afecten dúas ou máis comunidades declarando a actuación coordinada, un paso previo ao estado de alarma que deberá someter e ser aprobado no pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Así consta no Plan de resposta temperá nun escenario de control da pandemia por COVID-19, que o departamento que dirixe Salvador Illa trasladará esta tarde ás comunidades para a súa aprobación definitiva o vindeiro xoves. O documento, que compila moitas das medidas que xa están en marcha, establece que sexa o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias do Ministerio de Sanidade (CCAES) o que, en coordinación coa autonomía, avalíe o risco de brotes localizados ou incrementos da transmisión que supoñan a activación dunha resposta rápida.

A avaliación de risco para cada comunidade terá en conta, entre outros, o ámbito territorial; os indicadores relativos á situación epidemiolóxica, a capacidade asistencial e de saúde pública; a exposición ao risco; as características da poboación susceptible exposta ou a posibilidade de adoptar medidas de prevención e control.

Son as comunidades autónomas as que teñen as competencias de actuación en caso de brotes, e de supoñer unha privación ou restrición da liberdade ou doutro dereito fundamental, deberán ser ratificadas polos Xulgados do Contencioso Administrativo.

Con todo, prevé outros dous mecanismos se o coronavirus traspasa as fronteiras dunha comunidade: no primeiro, Sanidade poderá botar man das actuacións coordinadas en saúde pública, previo coñecemento do pleno do Consello Interterritorial, e que serían de obrigado cumprimento para todas.

O outro é o estado de alarma. Fontes do Goberno puxeron como exemplo de actuación coordinada un caso en que se celebren festas rexionais en varias autonomías limítrofes e, para evitar que cada unha implemente as súas propias medidas, poderíase proceder á suspensión dos festexos. Con este plan, formado por cinco capítulos e cinco anexos, preténdese reducir o impacto da pandemia fortalecendo as intervencións rápidas, oportunas e eficaces e preparando as capacidades ante un incremento da transmisión que, chegado o caso, poida derivar nunha segunda onda.

Así, fixa que sexan as comunidades as que garantan unha capacidade suficiente de recursos humanos nos servizos de Saúde Pública e tamén de laboratorio ante o posible aumento da demanda diagnóstica e que dispoñan de plans de continxencia, aseguren o funcionamento adecuado dun sistema de información para a alerta precoz as 24 horas do día durante os 365 días do ano e identifiquen de forma precoz os casos.

Mentres, no ámbito da atención sanitaria, deben activar os plans de continxencia en Atención Primaria e Hospitalaria de forma adaptada a cada escenario e garantir capacidade suficiente de recursos humanos e de Equipos de Protección Individual. O plan propón que a capacidade de camas de agudos e de coidados críticos con capacidade de respiración mecánica invasiva sexa de entre 1,5 e 2 por cada 10.000 habitantes no primeiro caso e entre 37 e 40 camas no segundo.

Tamén terán que contar con plans de atención en domicilio; unha estratexia con circuítos diferenciados de atención a pacientes COVID-19 e non COVID-19; mecanismos para a atención específica e segura a pacientes vulnerables e asegurar a atención ás actividades priorizadas da atención habitual como os programas de vacinación.

Noutro dos seus capítulos engade como principais medidas non farmacolóxicas para controlar a propagación do virus a hixiene de mans e respiratoria, a distancia interpersoal e a utilización de máscaras. E fai fincapé na necesidade de implantar estratexias de prevención con actuacións na organización de espazos e horarios e a coordinación co sistema asistencial ou procedementos sobre manexo de casos, que serán de especial relevancia en contornas especialmente vulnerables como residencias para maiores e de persoas con discapacidade; centros de saúde mental e de acollida ou albergues. 

 Unha das prioridades do plan é a de previr o impacto da gripe neste outono-inverno ante a situación de eventual coincidencia coa epidemia de coronavirus, polo que suxire fomentar o aumento da cobertura de vacinación, especialmente en maiores de 65 anos, persoal sanitario e sociosanitario, mulleres embarazadas e persoas con condicións de risco.

Desta forma, Sanidade sumará este ano unha compra extraordinaria de 5,2 millóns de doses que complementará a adquisición de vacinas realizada polas comunidades. Para evitar a escaseza do pasado, as rexións teñen que garantir unha reserva estratéxica de produtos críticos que poida cubrir as necesidades durante un período de 8 semanas.

Paralelamente, Sanidade reservará o 25 por cento do consumo medio total declarado polas comunidades durante 2 meses no relativo a equipos de protección individual e produtos sanitarios. Por último, o documento reserva ao Ministerio a potestade de determinar os controis sanitarios necesarios aos que deben someterse todos os pasaxeiros que cheguen a España por vía aérea ou marítima e que xa veñen facendo, como son a toma de temperatura e o control documental e visual sobre o estado da persoa.

Noticias web

13/07/2020