CRTVG

Buscar

O Milladoiro convértese en referente da automoción por unha fin de semana

Publicado o 28/03/2021 15:19

Coa eterna división entre as necesidades dos clientes, hoxe remata Teoauto, a primeira feira do automóbil do Milladoiro, preto de Santiago de Compostela, que pretende converterse nun referente para aqueles que necesiten cambiar de vehículo. E non semella ir mal, porque dende os seis concesionarios participantes, adiantan uns bos resultados.

Afirma Elena Pazos, asesora comercial: "Estamos supercontentos, está indo moi ben. Esperabamos ter éxito pero non tanto, porque é a primeira vez que se fai e temos moitísima xente estes días".

O evento pon a disposición do público uns seiscentos automóbiles cuns descontos que poden chegar ata os trece mil euros en coches novos, e con bos reclamos tamén dentro dos usados. A oferta é moi variada.

"Estamos vendendo coche xeralista, barato, moito coche premium - relata Iván Falcón, asesor comercial-. O coche premium é un produto que se está movendo moi ben porque ten un desconto moi grande. Estamos vendendo Mercedes GLC, que é un coche que está arredor de setenta mil euros, novos, e que os estamos vendendo por trinta e cinco mil euros.

Sen esquecer as precaucións pola covid, os clientes que se achegaban esta mañá ata O Milladoiro buscaban ante todo bos prezos, porque tiñan moi claro cal era o coche que querían.

"Temos unha idea de por onde movernos. A partir de aí, verase o que hai, e co prezo xa hai que contar", contaba un posible comprador.

"Teño a idea de buscar un coche destes bos, altos, porque na miña idade hai que buscar destes coches altos para sentarse. A idea téñoa, pero fáltame o poder", comentaba outra clienta.

Esta primeira feira Teoauto continúa este serán e, polos resultados, con ata dez coches vendidos nunha soa xornada nalgún concesionario, as empresas participantes prometen repetir experiencia.

Noticias web

28/03/2021