O mesmo que agrediu a Rajoy golpea en Pontevedra ao coordinador de Vox
Juan Manuel Rosales foi golpeado na cara esta mañá nas proximidades do mercado de abastos cando repartía folletos informativos do seu partido canda outros compañeiros. Vox sopesa agora denunciar o mozo, o mesmo que hai tres anos agredira a Mariano Rajoy, como presunto autor dun delito de terrorismo porque cren que esta agresión se enmarca dentro dunha campaña de ameazas que están a recibir a través das redes sociais.
A primeira hora da tarde, o partido de Santiago Abascal reaccionaba ao ataque contra o seu coordinador local en Pontevedra, Juan Manuel Rosales. Ocorreu na praza de abastos onde a formación instalara unha mesa informativa. Dacordo co relato do político, recibiu varios puñazos na cara e tivo que ser atendido nun centro hospitalario.
Segundo fontes da investigación, o agresor, alcumado Capi, recoñeceu os feitos. O mozo, cando aínda era menor, atacou nesta mesma cidade a Mariano Rajoy. Deulle unha labazada durante un paseo pero o daquela presidente do Goberno non exerceu ningunha acción contra el. Malia todo, foi condenado a dous anos de internamento en réxime pechado como autor dun delito de atentado á autoridade. Desta volta, xa maior de idade, non foi detido pero deberá responder ante a xustiza como suposto autor dun delito de lesións. Ademais, Vox sopesa denuncialo por terrorismo.