CRTVG

Buscar

O mércores comeza o primeiro xuízo contra o Chicle polo intento de rapto en Boiro

Publicado o 08/04/2019 12:52

José Enrique Abuín Gey abandonará por uns días a prisión leonesa de Mansilla de las Mulas, a onde o trasladaran hai un ano, para responder polos feitos que ocorreron en Boiro o día de Nadal de 2017.

Segundo o relato da fiscala, o Chicle abordou a súa vítima, unha moza da zona que quere permanecer no anonimato, coa clarísima intención de metela no coche para, posteriormente, atacala sexualmente. Foi sobre as dez e media da noite, nunha zona pouco transitada e mal iluminada. Abuín Gey conducía o mesmo coche en que se supón que trasladou a Diana Quer ata a nave de Asados, onde apareceu o cadáver: un Alfa Romeo gris, incautado durante os rexistros da vivenda do Chicle en Taragoña. Levaba o maleteiro recuberto cunha saba ou manta e, baixo ameazas e pola forza, intentou meter dentro a moza, insistentemente. Só lle quedaban as pernas fóra cando dous mozos acudiron ás chamadas de auxilio e conseguiron espantar o Chicle que fuxiu, segundo a Fiscalía, sen conseguir o propósito sexual que planeara.

A vítima tiña hematomas nos brazos, nas pernas e nos xeollos e sofre, segundo a Fiscalía, un trastorno de estrés postraumático agudo do que non evoluciona ben. Para o acusado, a fiscala pide 15 anos e 10 meses de prisión por detención ilegal, intento de agresión sexual, intento de roubo, ameazas e lesións.

Se se proban estes feitos, quedarían demostrados, segundo o avogado da familia de Diana Quer, o modus operandi do Chicle e o perfil que buscaba nas súas vítimas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/04/2019