O mercado semanal de Lugo celébrase con restricións
Con só a metade dos postos habituais, cunha estrita separación e dando preferencia aos comerciantes censados en Lugo, os de produtos de alimentación e despois por orde de chegada. Con esas medidas abriu hoxe o mercado de Lugo, baixo control dos vixilantes de seguridade. Unha situación que os comerciantes aceptan, pero non ven de todo xusta.
"Eu podo montar se chego ás catro e outro non pode se chega ás sete. Eu creo que temos que vivir todos". "Nós somos autónomos e non podemos vivir se non hai mercado".
Os poucos clientes que se achegaron ata o mercado ao longo da mañá divídense entre os que confían en que pronto volva a normalidade e os que apostan por pechar por completo este tipo de mercados ata que mellore a situación.
"Isto outros días estaba cheo. Pero, en fin, paciencia que todo ha pasar". "Eu síntoo polos comerciantes, pero creo que isto debería estar pechado por completo".
Hoxe só se abriu unha das tres portas do mercado e precintáronse varias zonas para evitar a presenza de vendedores non autorizados. Algúns comerciantes aseguran que non foron informados das novas restricións polo Concello.