CRTVG

Buscar

O Mercado é o novo espazo gastronómico situado na praza de abastos de Pontevedra

Publicado o 26/08/2019 11:15

Tras unha inaguración que contou coa presenza de centos de persoas, O Mercado xa está en pleno funcionamento. Isto é un novo espazo gastronómico que se situou na primeira planta da praza de abastos de Pontevedra. Está formado por 14 establecementos e a idea é promover a gastronomía e os produtos galegos, mesturando tradición e calidade.

"A inaguración foi todo un éxito, e é unha forma de revitalizar o mercado e que a xente nova veña comprar aquí", di Leticia Fuentes, encargada do bar A Praza.

"A xente ten que vir aquí, moverse, ter interese e curiosidade, porque é interesante", comenta unha muller que se pasou polo Mercado.

"A inaguración superou as nosas expectativas. Non esperábamos tanta xente nin que tiveran tantas ganas de vir aquí a coñecer como funcionamos", asegura Andrés Lago, traballador do posto Na Pola.

Cunha oferta gastronómica variada que combina a produción local, ecolóxica e gourment con propostas máis exóticas, este novo mercado tenta achegar a xente para reavivar a planta primeira da praza de abastos pontevedresa, e así, potenciar o produto galego.

"A idea é que uns non pisen a outros. Cada un ofrece unha cousa diferente, e cada un vai comer o que realmente quere. Pois os rapaces ao mellor queren unha hamburguesa, a avoa unha sopa, ou a nai uns callos...", conta Marta, encargada do posto A Fervella.

"É moi bonito e ten bastantes locais e pratos. É moi variado e eu creo que vai funcionar perfectamente", di un rapaz que estaba coñecendo o gastroespazo.

De martes a domingo, este gastroespazo permanecerá aberto para todo aquel que queira achegarse a desfrutar da variedade que ofrece O Mercado.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/08/2019