CRTVG

Buscar

O mercado do troco volve á Arxentina debido á crise

Publicado o 30/08/2021 22:24

O intercambio de bens e servizos sen diñeiro de por medio foi unha das prácticas máis comúns na Arxentina durante a crise económica a principios de século. Unha tendencia que está a volver en moitos lugares do país.

Golpeados por unha das inflacións máis altas de América Latina, cada vez máis arxentinos recorren ao troco de obxectos por alimentos, organizándose por grupos de WhatsApp ou Facebook para intercambiar roupas, electrodomésticos ou mesmo xoguetes pola comida que necesitan.

Pantalóns por leite, camisetas por cueiros ou cables por azucre. O troco está a crecer novamente na Arxentina, motivado polo agravamento da crise económica. Pola feira de Moreno, unha localidade da periferia de Bos Aires, tódolos venres pasan máis de mil persoas para realizar os intercambios.

Reina Pereyra, coordinadora da Feira de Cambios de Moreno: "Cambio, por exemplo, un paquete de fideos por un paquete de arroz, algo que nos faga falta a nós. Nós cambiamos así".

A maioría das participantes no troco son mulleres, que se organizan polas redes sociais para facer estas transaccións. Sen estes intercambios, moitas non terían alimentos suficientes para as súas familias. Segundo datos oficiais, un 42 % da poboación urbana da Arxentina vive baixo o limiar da pobreza.

 

Noticias web

30/08/2021