O mellor comercio do 2019 está en Noia e vende no mundo
Na gala dos Premios Comercio Galego 2019, despois do posado, escoitamos os gañadores falar dun negocio local que xa non ten fronteiras.
"Acabamos de abrir cinco webs internacionais, exclusivas para cada país", explican dende Lolita Moda.
E todo dende Noia. Dende unha pequena vila, dende un negocio familiar.
"Aquí, en marzo de 1960, a miña sogra fundou unha pequena tenda".
E nos anos 2000 a segunda xeración colleu o temón e abriu máis tendas, e tamén ampliou aquela pequena tenda.
"Isto onde estamos agora era un antigo cine hai 25 anos".
Manteñen as vellas butacas, e dende elas a terceira xeración do negocio vive a súa propia película.
"Saber conxugar perfectamente a tenda física co tema online".
E preparan eles mesmos os envíos que van a Portugal, Francia, Alemaña, Italia e os Estados Unidos.
"Aquí podedes ver os prezos en dólares. E podemos presumir de poder ter un paquete en Nova York en 24 horas".
Calculan que a venda online suporá case a metade da súa facturación deste ano. "E tamén pensamos que no 2020 é posible que vendamos máis en Internet ca nas nosas oito tendas físicas".
Todo un exemplo de negocio local que se adapta ao futuro sen querer perder valores do pasado.