CRTVG

Buscar

O mellor banco do mundo, nos cantís de Loiba, fai dez anos

Publicado o 03/06/2019 09:03

Ten o alcume do mellor banco do mundo e hoxe está de aniversario. O banco de Loiba, en Ortigueira, fai dez anos.

Mirando ao océano sobre os acantilados de Loiba, o mellor banco do mundo ve bater desde hai dez anos un mar que rompe as máis das veces forte para esculpir e furar esta fachada sobre o Atlántico.

O sentadoiro, hoxe hai sete, converteuse co boca a boca en visita turística recorrente na costa norte da provincia da Coruña. Suma un treito máis no camiño de moitos peregrinos, está presente nos álbums de parellas de todo o mundo, alimenta a creatividade de fotógrafos e é pai doutros bancos instalados despois ante distintas paisaxes.

Algúns veciños recoñecen que se deron conta da beleza do lugar cando se puxeron os bancos.

Un veciño de Loiba, Rafael Prieto, foi quen tivo a idea de colocar os bancos e quen promoveu a conmemoración hoxe do décimo aniversario do primeiro cunha misa e unha procesión en memoria tamén dos mariñeiros que morreron no mar e dos veciños que emigraron a América e non volveron.

Os cantís e o Atlántico que os baña, cos que as poboacións da zona manteñen un nexo histórico, son tamén agora os reclamos que viñeron poñer estas parroquias no mapa do mundo da man dun banco.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/06/2019