CRTVG

Buscar

O mellor ano de Ana Peleteiro, ás portas da cita olímpica

Publicado o 24/12/2019 19:06

Ana Peleteiro pecha o seu mellor ano. Sexta do mundo ao aire libre e campioa de Europa de pista cuberta cun salto de 14 metros e 73 centímetros, que a levou a bater o récord de España absoluto e a seguir coa súa progresión entre as mellores do mundo. 

"Sempre se pode pedir un pouco máis, pero estou moi contenta de como acabei a temporada. Como sempre digo, a temporada xa acabaou. Pechamos ese libro e estamos abrindo un novo e empezando a escribir as primeiras páxinas dun ano que espero que sexa aínda mellor co anterior", confesa a saltadora galega.

A primiera gran cita de 2020 é o campionato do mundo en pista cuberta, que se disputará na China. Ana defende o bronce de 2018. Antes ten un campionato que este ano lle fai especial ilusión.

"A cita máis importante e a que máis ilusión me fai, mesmo máis que o campionato do mundo, é o campionato de España, que vai ser en Ourense. Estou con moitísimas ganas de que chegue ese día. Toda a miña familia vai estar alí. Espero que estea medio Ribeira e poder da un bo espectáculo porque é o que máis me gusta: competir en casa. Fai moitísimos que non compito por aquí e que mellor que en Ourense, que é a terra do meu pai", explicou a campioa de Europa de pista cuberta.

A temporada 2020 será moito máis curta. Ana seguirá ás ordes de Iván Pedroso, un dos mellores saltadores de lonxitude da historia. 

"Que sorte teño! Os detalles técnicos que Iván me corrixe, ningún outro adestrador mos podería corrixir nunca. Se cadra poderíanme dar unha mellor planificación de forza, unha mellor planifiación de velocidade, pero de técnica, que ao fin e ao cabo é o máis importante do triplo salto, non podería estar en mellores mans", asegurou Peleteiro.

Peleteiro introducirá cambios na técnica de carrreira. 

"Houbo un cambio nos brazos e vaise notar nos metros. Ou iso espero. Polo momento creo que se vai notar, pero aínda hai que competir, a ver que tal me adapto a ela", explicou a ribeirense.

Para subir ao podio olímpico, Peleteiro deberá saltar, posiblemente, por riba do récord de España.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/12/2019