CRTVG

Buscar

O Meixoeiro implanta un test de coronavirus sen que os pacientes saian do coche

Publicado o 18/03/2020 14:28

O hospital do Meixoeiro, en Vigo, implantou un sistema que permite aos facultativos realizar test a persoas sospeitosas de contraer o coronavirus sen necesidade de que se apeen do coche.

Esta especie de drive through sanitario foi habilitado na rampla de entrada ao laboratorio do hospital, onde se analizan as probas, e púxose en marcha onte coa realización de 45 test.

Con todo, segundo explicou este mércores Julio García Comesaña, xerente da área sanitaria de Vigo, o sistema ten capacidade para realizar un proba cada cinco minutos ou unhas 200 diarias.

"Puxemos hai un tempo o sistema de recollida de mostras a domicilio, que foi moi ben acollido e moi práctico, pero o desprazamento ao domicilio, e sobre todo o feito de vestirse e desvestirse para cada domicilio, supoñía moito tempo para cada mostra e un gran consumo de equipo de protección individual", explicou.

Co 45 test realizados onte, aforráronse 43 equipos de protección individual, xa que tan só se utilizou un en cada quenda, aspecto que quixo resaltar García Comesaña, porque "preocupa moitísimo".

Pero tamén se aforra tempo, xa que as persoas sospeitosas de estar infectadas polo coronavirus non tardan máis de dous minutos en facer a proba, aínda que teñen que chegar en coche ata o hospital, o que non sempre é posible, xa que hai xente que non conduce ou que non está en condicións de facelo.

Neses casos seguen funcionando os sete equipos a domicilio, que están capacitados para realizar entre oito e dez probas ao día, moi poucas comparadas coas 200 que pode facer o equipo que traballa con este novo sistema.

Segundo explicou García Comesaña, a proba só se realiza por prescrición médica e, tras a introdución da petición do facultativo no sistema corporativo do laboratorio, dáselle cita ao paciente, ao que se envían instrucións de como chegar ao momento de toma e infórmano despois do que ha de facer na casa mentres non saiba o resultado.

O mesmo día da toma, ou ao día seguinte como máximo, o paciente saberá a través dunha chamada do facultativo que solicitou a proba se deu positivo.

O sistema funciona en dúas quendas de 8.30 a 21.30 e a área sanitaria de Vigo xa informou o resto de áreas de Galicia de como está a ser a experiencia para que a adopten se o consideran conveniente.

En opinión de García Comesaña é moi útil porque é cómodo para os pacientes e sobre todo rápido, pois co aumento de peticións de probas os equipos a domicilio non estaban a dar abasto e agora confían en que a demora non supere as 24 horas, ou, como moito, as 48.