CRTVG

Buscar

O medo ao coronavirus afunde as bolsas e obriga as empresas a tomar medidas

Publicado o 28/02/2020 10:13

A crise do coronavirus está tendo xa un importante impacto nos mercados de todo o mundo. A bolsa española afronta a súa peor semana dos últimos 9 anos e as caídas son xeneralizadas nas europeas. As empresas afectadas pola crise sanitaria e o bloqueo das exportacións na China comezan a tomar medidas. 

Ao ritmo ao que se estende a alerta sanitaria, o medo alcanzou as bolsas de todo o mundo. En España, o Ibex 35 perdeu onte un 3,5%, a segunda maior caída no que vai de ano. Está rexistrando cifras de 2011.

As caídas son xeneralizadas nas bolsas europeas. As accións de Wall Street rexistran o maior derrubamento desde 2008, e nas bolsas do Pacífico o coronavirus golpea con forza os mercados do Xapón e de Corea.

A incerteza sobre a evolución da crise sanitaria está poñendo en alerta importantes sectores da economía española. Canda o sector automobilístico, o tecnolóxico e o turismo son dos máis prexudicados. Xa están producíndose cancelacións de voos e reservas hoteleiras, por exemplo. Pero tamén o téxtil, que está tendo problemas polo bloqueo das exportacións na China.

Alberto Rocha, secretario xeral do Clúster Galego do Téxtil: "As que teñen máis a produción de proximidade, que é o caso das empresas de Galicia, teñen menos problemas. Pero aquelas cadeas de baixo custo que toda a súa produción está na China, xa están dando problemas de abastecemento e de subministración para as súas tendas e puntos de venda para este verán e pode haber un problema serio para a próxima temporada de inverno".

Porque, de feito, nos portos españois, e tamén no resto de Europa, xa se empeza a notar que non chegan contedores da China con pezas e compoñentes que necesitan moitas industrias para seguir producindo.

Pedro Coca, presidente da Asociación de Directivos e Empresarios Loxísticos: "As empresas de calzado, téxtil, compoñentes, industria de consumo, o que se vende a través da industria de distribución vano notar". 

Ante isto, as empresas comezan a tomar medidas. Inditex, por exemplo, que chegou a perder 10.000 millóns en bolsa en tres días, decide restrinxir as viaxes ás zonas afectadas polo coronavirus e aprazar visitas de provedores, que substituirá por videoconferencias.

Con todo, a pesar de todos estes sinais de alarma, o vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos, asegura que o impacto na economía da Unión non será especialmente relevante e aconsella non sobrerreaccionar.

Luis de Guindos, vicepresidente do Banco Central Europeo: "Unicamente debemos ter medo á alarma inxustificada. O mundo actual será capaz de buscar solucións e a actividade económica continuará".

A Comisión Europea anunciaba onte que plantea adoptar medidas para apoiar os sectores económicos afectados polo coronavirus.

Noticias web

28/02/2020