CRTVG

Buscar

O medo da familia dunha residente con covid-19

Publicado o 28/10/2020 14:25

Incerteza e moita preocupación. Foi o que sentiu a familia de Aída Brea ao coñecer que ela tamén estaba entre os 165 usuarios contaxiados con covid-19 na residencia Os Gozos, no Pereiro de Aguiar.

"Estas tres semanas ou catro, practicamente, foron as máis duras das que vivimos nós estando ela na residencia. Foi moi complicado porque é esa angustia no estómago que non sabes se algún día te van chamar e dicir que tiveron que ingresala, iso é o máis duro de todo isto", conta Sandra, a nora de Aída.

"Sempre sentes ese medo e tamén desesperanza polos que falecen, vas sabendo que morre este e o outro, non é sinxelo, pero sempre tendes á esperanza, miña nai vai ser distinto", di Marcelino, o seu fillo.

Aída ten 84 anos e, malia dar positivo tres veces, non ten síntomas e atópase ben.

"Un pouquiño máis pálida, pero ben, ben de ánimo, contenta, non temos outra cousa que agradecemento ao persoal da residencia, entregouse totalmente, é un dedicación que un pensa se un mesmo na casa tería esa dedicación", explica Marcelino.

Non ven o momento de poder ir visitala de novo. "Esperemos que todo isto acabe, que sexa negativo por fin e que poidamos volver vela outra vez e ben", confía Sandra. 

Noticias web

28/10/2020