CRTVG

Buscar

O medo ao descenso administrativo fai mudar radicalmente a postura do Fuenlabrada

Publicado o 29/07/2020 22:22

O Fuenlabrada cambia radicalmente de táctica. Os madrileños deciden pasar ao ataque ante unha posibilidade con que ata hai ben pouco non contaban.

"Estamos a escoitar un montón de noticias canto a un descenso administrativo que vemos desproporcionado e, sobre todo, inxusto".

De feito, a primeira mensaxe de Chico Flores ao saír do hospital da Coruña en que estivo ingresado estes días foi nesa mesma liña.

"Queremos xogar e que deportivamente non nos quiten o que gañamos no campo".

Ese medo ao descenso administrativo foi o que mobilizou o club a recusar o xuíz instrutor da Federación que convocara a presidente, adestrador, a un xogador, Hugo Fraile, e o seu representante para interrogalos na tarde deste mércores. Segundo o recurso que presenta o Fuenlabrada, o xuíz está vencellado a empresas de cuestionable reputación. Ademais fala de relacións persoais entre o instrutor e dous conselleiros do Deportivo: Argimiro Vázquez Guillén e Ricardo González.

"Nin coñezo ese xuíz, nin sei como se chamaba, nin teño un grupo de empresas nin nunca foi avogado meu. Que usen estas artimañas xurídicas para demorar ou para evitar ao mellor o posible descenso do Fuenlabrada, como din as normas da Federación Española, nalgún momento se saberá e nalgún momento sairá".

Mentres o enredo continúa, a AFE convocou a todas as partes a unha reunión este xoves para buscar unha solución. O sindicato de futbolistas só tivo resposta do Deportivo, o Fuenlabrada e a Liga. A Federación e o Consello Superior de Deportes continúan co seu prolongado silencio.

Noticias web

29/07/2020