O médico galego Diego González Rivas volve curar un tumor inoperable

É un dos cirurxiáns máis reputados do mundo. E, de feito, desta volta chamárono desde Serbia porque os médicos daquel país estaban convencidos de que era o único que podía realizar a operación con garantías de éxito.
Falámoslles do coruñés Diego González Rivas. Acudiu en auxilio dunha muller de Belgrado cun tumor pulmonar de sete centímetros, situado xusto entre os bronquios. A muller pasou sen éxito por distintos hospitais europeos. Ninguén se atrevía a operala.
Ata que lle falaron de González Rivas e tivo a sorte de localizalo. O médico galego aceptou o desafío e realizou a intervención no hospital San Rafael da Coruña hai uns poucos días. A paciente recibiu onte a alta e está de volta no seu país, curada dunha doenza que semellaba incurable.