CRTVG

Buscar

Homenaxe ás vítimas de Hipercor 30 anos despois do masacre

Publicado o 19/06/2017 08:39

No atentado da ETA morreron 21 persoas, entrelas catro nenos, e outras 45 quedaron feridas

Foi o peor masacre da ETA. Hoxe fanse 30 anos do atentado de Hipercor. Deixou 21 mortos, entre eles, catro nenos. Hoxe en Barcelona réndeselles homenaxe. Alí van estar a vicepresidenta Sáenz de Santamaría, o presidente da Generalitat e o lehendakari, entre outros.

Eran as 4 e 8 minutos da tarde do 19 de xuño de 1987 cando estoupou a bomba que a ETA colocou no interior dun vehículo na primeira planta do aparcadoiro do centro comercial Hipercor, en Barcelona. Case 30 quilos de amonal e 100 litros de gasolina que ao explotar xeraron un efecto parecido ao do napalm. Un inferno de preto de 3.000 graos centígrados que reduciu á nada o espazo máis próximo e provocou graves quimaduras ás vítimas, a maioría clientes.

En total morreron 21 persoas, entre elas 4 nenos. Outras 45 quedaron feridas. A crueldade do atentado supuxo na época un xiro na loita contra o terrorismo.

30 anos despois, as institucións lembran as vítimas con distintos actos públicos. Ao desenvolvido en Barcelona, coa presenza da alcaldesa da cidade, no que os protagonistas foron os familiares das vítimas, hoxe a vicepresidenta do Goberno inaugurará na capital catalá unha exposición fotográfica sobre o atentado. O Ministro do Interior, o presidente catalán e o lehendakari vasco participarán tamén alí na homenaxe organizada pola Asociación Catalá de Vítimas de Organizacións Terroristas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2017