O marisco non está tan caro coma no Nadal pasado
Os mercados de produtos frescos, con aumento de demanda polo Nadal, viven unha semana de tránsito entre as das vendas adiantadas para conxelar e as da frescura de última hora.
Faltan nove ceas para que chegue a de Noiteboa e así vai a venda de marisco, polo que nos contan dúas vendedoras nos seus postos da praza de Pontevedra.
Rocío coméntanos que esta semana veu algo máis frouxa. "Quen merca para conxelar xa o fixo para aforrar algo e os que queren fresco agardan á semana que vén", asegura.
Montse está segura de que a semana que vén haberá máis movemento. "A xente está a consultar os prezos e esta semana... a ver como resulta", di.
Outro dato significativo é que a demanda para o consumo na casa é maior ca o ano pasado, o que compensa a caída dos restaurantes.
As restricións pola pandemia condicionan tamén a celebración no ámbito familiar.
Para a semana que vén os prezos subirán, previsiblemente, pero respecto a hai un ano, dinnos, están notablemente máis baixos.
"A centola este ano está para 30 euros a boa, a boa. O camarón que se traballaba moito para restauración tamén baixou moito ao estar pechada e arredor de 80 euros xa se pode vender. A nécora si que está un pouco máis cara, porque hai moi pouquiña este ano", asegúrannos no mercado.
Hai nécora, hai cigala, hai boi, hai vieira... O que hai máis escaso está é o percebe por culpa do tempo.
E é que as condicións atmosféricas son outro factor determinante no prezo deste tipo de produtos.