CRTVG

Buscar

O marisco acada nas nosas prazas de abastos prezos máis do Nadal que do verán

Publicado o 11/08/2018 09:55

O marisco é un dos produtos que máis se consome na festa do 15 de agosto. O aumento da demanda implica unha suba no prezo, aínda que os vendedores insisten en que isto depende da marea. Na praza de Lugo da Coruña, hoxe os percebes chegaron aos 100 euros o quilo e os camaróns a 80.

Din os vendedores que agosto é o mellor mes do ano para a venda do marisco, despois do de Nadal, por iso se prepara xa para o día 14, data en que as vendas son máis altas.
"Véndese mellor que calquera outro mes do anos, agás Nadal. Véndense unhas cousas moi ben e outras menos. O que máis se está a vender é o percebe. O percebe estase vendendo moito, moito lumbrigante", di un vendedor.

O certo é que hoxe había moita afluencia de clientes na coruñesa praza de Lugo. Moitos deles turistas que están a desfrutar aquí duns días de vacacións coincidindo coas festas da cidade. A visita aos postos de marisco é case obrigada.

"Sendo de Galicia non é caro. Está a bo prezo, o percebe bo é caro, está moi ben. Si, si imos guisalo na casa, imos pegarnos unha boa mariscada", di unha visitante.

"Vimos máis que nada a velo porque estamos de vacacións e entón non podemos levalo, porque non podemos apañalo. Vimos a que se nos poñan os dentes longos", sinala unha turista.
Os clientes habituais da praza veñen polo marisco en previsión da comida da festa do 15 de agosto.
"A Santa María. E unha festa patronal e xuntámonos todos", di unha clienta.

O aumento da demanda implica tamén un aumento nos prezos do marisco, aínda que os vendedores insisten en que isto depende da marea e mesmo por días, o prezo pode baixar.
"Anda máis barato que o ano pasado, o percebe baixou moito, a cigala anda moi ben de prezo, porque está todo o ano igual. Non subiu nada, subiu un pouco, nin o camarón subiu porque a verdade hai camarón a 80 grande, precioso", di unha vendedora.

Con todo hoxe nesta praza os percebes chegaron aos 100 euros o quilo, mentres que a cigala e a nécora oscilaban entre os 50 e os 70 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/08/2018