CRTVG

Buscar

O mariñeiro falecido na Illa de Arousa será enterrado este serán

Publicado o 25/08/2019 14:44

O ambiente festivo que vive a Illa de Arousa estes días viuse enturbado polo falecemento dun mariñeiro moi coñecido na zona, que apareceu na tarde de onte aboiando preto dos novos peiraos flotantes do porto de Xufre. Foi un paseante o que avistou o corpo do home e deu a alerta.

"Un home que pasou por aquí viu a dorna e estrañoulle, e xa estaba el a carón da dorna, aboiando. Non sei, porque xeralmente se morres afogado vas ao fondo e se morres dun golpe quedas aboiando", comenta un coñecido da vítima.

Segundo relataban os veciños, un paseante viu unha pequena dorna á deriva e despois comprobou que había un corpo flotando preto. Trátase dun mariñeiro da zona, de 65 anos que saíra a pescar como facía habitualmente, e que era moi coñecido na Illa.

A Policía Local e a Garda Civil participaron no rescate do corpo. Será agora a autopsia a que determine se o home faleceu por causas naturais ou se sufriu un accidente fortuíto. O enterro está previsto para as oito desta tarde na Illa de Arousa.

Noticias web

25/08/2019