CRTVG

Buscar

O mapa de titulacións de Galicia incorpora catro novos títulos de grao

Publicado o 30/07/2019 18:24
O mapa de titulacións de Galicia incorpora catro novos títulos de grao

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as universidades galegas acordaron incorporar catro novos títulos de grao ao Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia. 

Esta decisión foi acordada este martes entre o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro; a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez; a vicerreitora de Titulacións da USC, María Vitoria Otero, e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da UVigo, Manuel Ramos, no transcurso dunha reunión de traballo mantida en Santiago co fin de actualizar o actual Mapa que foi aprobado por consenso no ano 2017 e que estará vixente para o período 2017-2021.

Froito deste acordo, a Universidade da Coruña incorporará o grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía para o curso 2020-21; a Universidade de Vigo incorporará o grao dual en Tecnoloxía da Automoción para o curso 2021-22 (o segundo grao dual do sistema), e a Universidade de Santiago o grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hostaleira para o curso 2021-22 (tras a conversión do CSHG en centro adscrito á USC).

A maiores, no curso 2021-22 entrará en funcionamento un cuarto grao, o de Relacións Internacionais, que será un grao interuniversitario (o segundo interuniversitario do SUG) entre a UDC (no campus de Ferrol) e a UVigo (no campus de Ourense). Por outra banda, no curso 2020-2021, comezarán as simultaneidades do grao en Enxeñería Mecánica e o grao en Enxeñería Eléctrica no campus de Ferrol (UDC) e o grao en Enxeñería Mecánica e grao en Enxeñería Electrónica Industrial e Automática no campus de Vigo (UVigo).

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/07/2019