O mapa das maiorías absolutas: os concellos máis tranquilos... en principio
• Catro alcaldes galegos gobernarán sen oposición ningunha
• Os concellos comezan a negociar os acordos para gobernar

Haberá 218 municipios (case o 70% do total) onde o alcalde só necesitará o apoio dos seus para sacar adiante as súas iniciativas.
A meirande parte dos 313 concellos galegos contarán con gobernos con maioría absoluta a partir do 15 de xuño, data de constitución das novas corporacións. En concreto, haberá 218 municipios (case o 70% do total) onde o alcalde só necesitará o apoio dos seus para sacar adiante as súas iniciativas. Son os concellos, a priori, máis "tranquilos", aínda que en política pode acontecer de todo. Aquí están os concellos e os nomes dos alcaldes co bastón de mando asegurado. Se queres ver o mapa a pantalla completa, preme aquí.
Por partidos, o que máis maiorías absolutas ten é o PP, con 131, practicamente o dobre do PSOE, que ostenta 66. O BNG obtivo 14 alcaldías deste xeito e 7 outros partidos, como Alternativa dos Veciños de Oleiros, o Galicia Sempre de Manuel Martínez (expulsado do PSOE) en Becerreá ou mesmo unha formación que irrompe en Agolada chamada Partido Anticorrupción y Justicia.
Entre os que repiten con maioría absoluta hai sete alcaldes que levan no seu posto desde 1979, ano das primeiras eleccións municipais democráticas. Son os rexedores de Paradela, Quintela de Leirado, Salvaterra de Miño, Beade, Xunqueira de Ambía, A Peroxa e Brión. Pero canda eles, xorden alcaldes que se van estrear por primeira vez este 15 de xuño. Estoutro mapa recolle só os rexedores primeirizos do mandato que comeza. Aquí podes velo en pantalla completa.
E un último dato: entre os 218 novos alcaldes con maioría absoluta só hai 31 alcaldesas (algo máis do 14%)