O mal tempo resente a actividade de sectores como o comercio e a hostalaría
Faltan dez días para que comece o verán, e o tempo segue revolto, por dicilo suave. Ademais de chover, as temperaturas son baixas para esta época do ano e tanta inclemencia meteorolóxica fai que se resintan sectores como o comercio e a hostalería. O tempo non anima a saír á rúa e fai que baixen as vendas.
Pasou o 40 de maio pero o ceo segue cuberto. E aínda que nas tendas os escaparates levan meses amosando vestidos, sandalias e roupa de baño na rúa a moda que se leva é outra. Seguimos botando man de abrigos e panos e como non, o paraugas é o complemento indispensable.
A xente non se anima a mercar cousas de verán e os comercios ven como as vendas están estancadas poucos días antes do inicio das rebaixas.
Outro sector que se resente moito é o da hostalaría. O mal tempo non invita a saír, as terrazas están practicamente baleiras e os hábitos nas consumicións son os propios do inverno cando saen máis cafés que cervexas.
Ademais en Lugo todos teñen a ollada posta no ceo por outro motivo, porque o venres comeza o Arde Lucus. Semella que a cousa mellora pero para a fin de semana, a pesar da influencia anticiclónica, as previsións apuntan a que hai preto unha borrasca que podería deixar algo de nubes e mesmo chuviscadas o sábado á mañanciña.