CRTVG

Buscar

O mal tempo non dá tregua e hai aviso por desbordamento dos ríos

Publicado o 03/02/2021 09:05

• Máis de 150 incidencias rexistradas nos servizos de emerxencias

• Despréndese unha estada nun edificio de Pontevedra

Di o refrán que cando a Candeloria chora o inverno vai fóra. E a Candeloria chorou, pero o inverno, polo menos hoxe, seguirá. Despois dunha noite de forte choiva, o día preséntase con chuvascos en terra. No mar, as cousas están peor. Hai avisos en todo o litoral.

O forte vento e a abundante choiva xeraron nas últimas horas máis de 150 incidencias.

Desde onte, martes, ata as primeiras horas da mañá de hoxe a Axencia Galega de Emerxencias rexistrou un total de 157 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa, a maior parte delas (84) en Pontevedra.

Na Coruña houbo 49, 14 en Lugo e 10 incidencias contabilizadas en Ourense.

A chuvia acumulada tamén fixo subir de xeito alarmante o caudal dalgúns ríos. Están baixo especial vixilancia o Tambre, o Lérez e o Verdugo, que poderían chegar a rebordar ao seu paso por Oroso, Val do Dubra, Pontevedra e Ponte Caldelas.

Ademais, houbo algún corte en estradas por este motivo, como ocorreu no termo municipal do Rosal onde a auga pasou o leito do río á altura do lugar de Urgal. Tamén en Ponteareas foi interrompida a circulación na estrada muncipal de Ribadetea, polo aumento do caudal do río Tea, entre Nogueira e Ponte das Partidas. Algún inmoble quedou incomunicado.

A caída de árbores e ramas, bolsas de auga nas estradas (59) e inundacións nas vías de circulación (29) foron as incidencias máis repetidas en diferentes puntos de Galicia, segundo Emerxencias.

Despréndese unha estada en Pontevedra

O temporal foi, probablemente, a causa do desprendemento de parte da ancoraxe dunha estada que cobre a fachada dun edificio de cinco plantas en Pontevedra. A estrutura tivo que ser apontoada.

O incidente produciuse sobre a unha da madrugada na rúa Marqués de Valterra e obrigou a interromper o tráfico entre Pontevedra e Marín, que tivo que ser desviado por outra conexión.

Ao lugar desprazáronse efectivos da Policía Local de Pontevedra e da Garda Civil, que tomaron a decisión de cortar ao tráfico os catro carrís de circulación da rúa.

Noticias web

03/02/2021