CRTVG

Buscar

Os inmigrantes do Aquarius cambian de rumbo para capear o temporal

Publicado o 14/06/2018 14:56

Os 629 migrantes recollidos polo Aquarius en augas do Mediterráneo están xa máis preto de pisar territorio español. A Valencia chegaba hoxe a vicepresidenta do Goberno para coordinar xunto co presidente valenciano todo o dispositivo. Grande-Marlaska, o ministro do Interior, xa adiantaba que non haberá trato de favor para estes migrantes con respecto aos que chegan en embarcacións precarias.

Para moverse polo Aquarius foi preciso colocar cordas. O forte vento e as ondas complicaron a travesía. E moitos dos ocupantes do barco, non afeitos a navegar, e menos nestas condicións, tiveron que ser atendidos por mor das náuseas.

As embarcacións en que se moven os migrantes están arestora bordeando a illa de Sardeña, para capear o peor do temporal. Logo tomarán rumbo en liña recta cara a España.

Unha vez en Valencia, recibirán o mesmo trato ca outros migrantes que chegan ás costas españolas. Adiantábao hoxe o ministro do Interior.

A Valencia viaxaba hoxe a vicepresidenta do Goberno para coordinar todo o dispositivo xunto co presidente valenciano. O obxectivo é ter todo preparado para o sábado pola noite, o día en que se conta que as 629 persoas cheguen ao porto.

No dispositivo participan varios ministerios. O obxectivo, segundo explicou a vicepresidenta do Goberno ao remate da xuntanza, é darlles unha resposta individualizada, especialmente aos menores e ás mulleres, que poidan ser vítimas do tráfico de persoas.  

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2018